Os interesados no viveiro de empresas de Paradela xa poden presentar as solicitudes
O Concello de Paradela pon en funcionamento o viveiro de empresas, todos os interesados poden presentar as solicitudes ata o 4 de maio.
O viveiro de empresas conta con 5 locais coas seguintes superficies. O local 1 ten 172.38 m2, o local 2 conta con 373.65 m2, o local 3 é de 353.12 m2, o local 4 ten unha superficie de 353.12 m2 e o local 5 ten 344.91 m2. Estes locais contan con todos os servizos, como poden ser: oficinas, vestiarios, auga, luz...
As persoas interesadas que queiran máis información poden achegarse de maneira presencial ás oficinas municipais ou chamar ao teléfono 982541101.
As instalacións estarán destinadas a aquelas empresas que aínda non estean constituídas e o fagan nun máximo de tres meses desde que se resolva o acollemento, e a aquelas empresas que teñan como máximo seis meses de idade dende a súa constitución ata a data da solicitude. É fundamental que o proxecto que presente cada empresa garanta estabilidade no emprego e na actividade que vai desenvolver, sendo esta acorde e afín as características físicas do viveiro.
ACTUACIÓN NO VIVEIRO
As actuacións no viveiro contaron cun custe final de 280.962 euros e supuxeron a urbanización do acceso, a construción de estruturas interiores, instalacións de electricidade e fontanería, carpintería, seguridade contra incendios, etc. A promoción do polígono comezou no ano 2018 coa adquisición de dúas parcelas no parque empresarial. Foi neste ano cando comezaron as obras que se viron obrigadas a paralizarse despois de que Suplusa, organismo inexistente na actualidade, non tivera os documentos en regra. No 2019 retomáronse estes traballos que deron fin no 2020.
O viveiro de empresas supón unha maneira de promover e dinamizar os negocios da vila, favorecendo a creación de novas empresas que axuden a potenciar o tecido empresarial do municipio.
As últimas obras levadas a cabo no 2021 tiñan como obxecto o de crear espazos funcionais que conten con superficie diáfana e dispoñan de recepción, vestiarios e aseos, entre outros servizos, para ofertalos a novas firmas que dean os seus primeiros pasos neste polígono.