Os Meigallos FS organiza unhas xornadas de portas abertas para a mocidade deportista de Sarria

O club Os Meigallos Fútbol Sala pon en marcha unha Xornada de Portas Abertas que se celebrará entre o 26 de maio e o 6 de xuño co obxectivo de dar a coñecer a súa actividade e captar novos talentos entre a mocidade de Sarria.
A iniciativa está dirixida a nenas e nenos nacidos entre 2007 e 2021, distribuídos en sete categorías: Biberón (2019-2020-2021), Prebenxamín (2017-2018), Benxamín (2015-2016), Alevín (2013-2014), Infantil (2011-2012), Cadete (2009-2010) e Xuvenil (2007-2008).
As actividades desenvolveranse nos pavillóns do Chanto e dos Institutos, con horarios adaptados a cada grupo de idade. No Pavillón Chanto, por exemplo, os adestramentos realizaranse de luns a venres en horario de tarde, comezando ás 19:00 ou ás 20:00 horas, segundo a categoría. No Pavillón Institutos, as sesións arrancarán pola tarde desde as 15:30, con franxas horarias diferenciadas para cada grupo ata as 22:40 horas.
Para obter máis información ou formalizar a participación, as familias interesadas poden contactar a través dos teléfonos 633 19 68 55 ou 681 05 08 23, do correo electrónico osmeigallos@yahoo.es ou mediante as redes sociais do club (@osmeigallosfutsal en Instagram e Os Meigallos Sarria FS en Facebook).
A actividade conta co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do Concello de Sarria e da área de Deportes, reforzando así o seu compromiso co deporte base e coa promoción de hábitos saudables entre a mocidade do municipio.