Os militantes do PSOE de Sarria piden ao secretario provincial dos socialistas que os escoite

SarriaXa
Os militantes do PSOE de Sarria piden ao secretario provincial dos socialistas que os escoite e non poña a Escontrela
PSOE SARRIA
3 Apr 2023

Os afiliados do PSOE de Sarria denuncian que no pasado pleno de Sarria Escontrela foi “hipócrita” ao dicir que as firmas dos cidadáns teñen valor, con respecto do tema das casas dos mestres do colexio Frei Luís de Granada, pero “fai caso omiso das firmas dos seus compañeiros militantes”.

Explican que “en breve presentarannos un decálogo de estatutos alternativo ao oficial, elaborado polo PSOE federal, para que as súas pretensións, (as de Escontrela, Diego, José Manuel López e algún outro) leven todas a cabo sen ser ningunha delas sometida á militancia e de facerse, someterana só á súa”.

Polo tanto, din que “as intencións destas persoas é simple e sinxelamente tocar poder para ser unha oposición destrutiva e aliarse cos ideais da dereita sarriá”.

Por iso insisten en que os afiliados ao PSOE de Sarria “non podemos apoiar un proxecto fóra dos ideais políticos do partido, nacidos da ira contra terceiros e fundamentados, ambos, en fracturar o PSOE de Sarria”.

“Os afiliados, cos que estes individuos non contan para absolutamente nada, queremos seguir axuntando esforzos nun proceso e proxecto democrático, consensuado, aliñado co perfil político que representamos e que permita gañar ou na súa falta sumar e abrigo legal e sen dobres rapadoiras”.

Imposición de Escontrela como cabeza de lista

Da mesma forma, cren que nos próximos días o secretario provincial do PSOE, José Tomé, “vai volver a tentar impoñer a Benjamín Escontrela como candidato do PSOE de Sarria, aínda a risco de non aplicar os estatutos federais en todos os seus puntos, o que supoñería evitar o uso dos conceptos que forman parte do noso sentir político”.

“Descoñecemos o motivos pero prevemos que grazas ao seu proceder o trompazo electoral pode ser máis que histórico”, argumentan.

“Os militantes seguimos estando aquí, cos estatutos na man, e instamos ao secretario provincial a que igual que veu a Sarria para gozar da nosa gastronomía, acceda a escoitar o sentir dos militantes de Sarria antes de cometer o que nós consideramos unha ‘tropelía’”, sentenzan.

0.14139914512634