Os organizadores do Máster de Futbolín de Sarria agardan superar a participación da última edición

SarriaXa
A cita, que terá lugar desde hoxe, xoves 31 de outubro, ata o vindeiro 2 de novembro, conta co apoio do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia
Master-Futbolin-Sarria-2024
31 Oct 2024

A Deputación de Lugo, co seu representante en Sarria, Efrén Castro; e a Xunta de Galicia, a través de Carmen José López, así como o Goberno local, representado polo alcalde, Claudio Garrido, apoian a celebración do Máster de Futbolín de Sarria, que se celebra do 31 de outubro ao 2 de novembro no pavillón municipal.

A Asociación Sarria Futbolín, organizadora do evento, agarda superar a participación da última edición, na que reuniron 128 parellas, e seguir ampliando a repercusión deportiva e social do evento, que reparte 9.000 euros en premios entre as diferentes categorías.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, valorou “o traballo da organización para consolidar un evento, que contribúe a dinamización económica da vila, coa participación de xogadoras e xogadores de distintos puntos de Galicia e do resto do Estado” e encadrou o apoio ao campionato “na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido deportivo e asociativo”.

Pola súa parte, a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, destacou o traballo dos organizadores para ser capaces de atraer cada ano a Sarria a tantos afeccionados e tamén puxo en valor o apoio do Goberno galego a todo tipo de iniciativas que dinamizan economicamente os concellos da provincia en calquera época do ano.

0.15302395820618