Os populares de Láncara deixan claro "o firme compromiso da Xunta coa sanidade de Láncara"
Os concelleiros do PP de Láncara queren deixar claro o “firme compromiso por parte da consellería de Sanidade e da Xunta de Galicia coa cobertura das prazas que queden vacantes no centro de saúde do noso municipio”.
Os populares inciden en que “o centro de saúde non vai pechar. Vai continuar coa súa actividade con tres prazas de médico e tres de enfermería, como volveu facer público o SERGAS esta mesma semana. E, mentres as prazas estean vacantes, cubriranse con médicos suplentes ata a súa cobertura definitiva”.
Os populares condenan “a actitude totalmente irresponsable do alcalde” porque “está a asustar e enganar aos veciños e veciñas” en lugar de “informar e dar traslado do que xa lle trasladou o propio xerente da Área Sanitaria nunha reunión sobre o funcionamento e os procedementos para a cobertura das prazas médicas no noso municipio”. De feito, “o SERGAS xa se comprometera a cubrir as prazas e a non pechar o centro médico”.
A portavoz, Olga Capón, considera que “o que debe facer o representante do noso Concello e de tódolos veciños e veciñas é informarse e xestionar os recursos públicos co maior respecto e vontade de velar polo benestar de todos e de chegar a acordos co resto de administracións estean gobernadas pola cor política que sexa”.
Capón apunta tamén que “determinadas insinuacións sobran” cando se trata dun asunto coma a atención médica e, especialmente, “cando os responsables da súa xestión xa teñen confirmado o seu compromiso coa cobertura sanitaria en Láncara e mesmo trasladan información cunha clara vontade de colaboración”.