Os populares de Láncara critican ao Goberno local a elección do lugar do novo mural de Diego As
“As decisións do Goberno local de Láncara reflicten claramente a súa falta de proxecto e a incapacidade de planificación a medio ou longo prazo”. Así o valora a portavoz do Grupo Municipal Popular, Olga Capón, á vista do emprazamento elixido polo Goberno para o mural de Diego As porque, no medio prazo, podería deixar de estar visible.
“É unha pena que, por unha mala decisión do Goberno local, Láncara non poida presumir do mural, para o que equipo de Goberno calculaba dirixir 18.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e que poden ser máis, xa que iso podería pasar no caso de que se edifique no solar lindeiro ao edificio no que se está a realizar”.
Os populares explican que o solar é “un dos poucos edificables que hai na Pobra”, polo que queda claro que “ou este Goberno non ten ideas” ou “non pensa en ofrecer respostas ás necesidades en materia de vivenda no noso Concello. Se o Goberno local tivera en conta esta necesidade, “apostaría por impulsar vivenda pública, favorecer a iniciativa privada ou, polo menos, elixiría outro emprazamento para o mural para evitar que quede tapado por unha posible obra”.
A portavoz, Olga Capón, cre que “o noso municipio, pola súa ubicación estratéxica a menos de 20 minutos de Lugo ou Sarria, ten potencial para atraer residentes de municipios limítrofes coma O Páramo, O Corgo ou Sarria, ou evitar que se marchen os que queren quedar en Láncara, pero non atopan vivenda”.
Dinamizar a economía e arranxar vías municipais
Así, defende que se debe traballar neste sentido, pero que o Goberno actual “pensa máis en deixar pegada que en mirar polo noso Concello”, segundo manifesta Capón, que xa botara en falta nos orzamentos municipais para o 2024 medidas para o progreso de Láncara.
A popular subliña que “para asentar poboación é imprescindible ofrecer vivenda” e, á súa vez, “se o municipio atrae familias, estas consumirán aquí dinamizando a economía e xerando posibles postos de traballo”. Pero tamén é necesario ofrecer servizos aos veciños, “e no caso dos veciños da zona da montaña continúan agardando polo arranxo das vías municipais que se atopan en moi mal estado”.
Capón condena a “falta de visión” do Goberno local, "que non aposta polo noso pobo porque non pensa en ofrecer vivenda nin nunha localización para o mural que permita ver a obra dende un espazo amplo e sen condenalo á posibilidade de que sexa tapado”.