Os populares de Samos critican que se perdera unha brigada para loitar contra os incendios e o goberno local lembra que levan sen brigada desde 2018
Miguel Gallego, o voceiro do PP de Samos, móstrase crítico coa “falta de xestión da alcaldesa” por perder unha brigada de cinco persoas que poden loitar contra incendios forestais e financiada pola Xunta.
O popular sinala que “o noso Concello queda sen a oportunidade de que eses empregados realizaran labores de roza en pistas e zonas de monte e, nun concello rural coma o noso, onde boa parte do terreo forestal está cheo de silvas e maleza que fan que os camiños estean intransitables, este tipo de traballos son fundamentais para previr incendios”.
O voceiro do PP no municipio convida á rexedora nacionalista a demostrar con feitos o que promete, xa que, di, "temos a sensación de que todo é pantalla e festas; pero traballo e xestión, nada”. Por iso, insta á alcaldesa a “xestionar debidamente as necesidades do Concello”.
Contestación do goberno local
Desde o goberno local defenden que intentaron conseguir a brigada, pero que non o conseguiron porque non "cando nós chegamos non estaba iniciado ningún proceso de contratación de brigadas e ao final non se puido facer porque o capataz que quedaba non quixo".
Así, explican que non é este o primeiro ano que non hai brigadas, senón que non hai brigada desde o ano 2018, catro anos nos que o goberno local foi o de Julio Gallego, pai do actual portavoz do PP de Samos, o que critica que non hai brigada.
A pesar de non conseguir a brigada, Chus López defende que, desde o primeiro día que entraron no goberno, levan facendo labores de prevención de incendios a través de desbroces con tractor en dúas quendas, pola mañá e pola tarde, unhas actuacións que non se fixeran antes.