Os populares de Sarria critican a inacción do goberno local e piden un cambio de rumbo en 2025
Os concelleiros do Partido Popular de Sarria manifestaron a súa preocupación polo que consideran un "ano perdido" para o desenvolvemento do municipio en 2024.
Segundo a portavoz, Carmen José López, foi “un ano que transcorreu sen que se acometera nin iniciara ningún dos proxectos clave e sen avances nos retos pendentes”. Por este motivo, os populares esperan “un cambio de rumbo do goberno municipal” cara ao 2025.
Os populares acusan ao goberno de Garrido de "mentiras" manifestadas ao longo do ano pasado. Un dos temas máis polémicos foi o do matadoiro, lembrando a mobilización popular que xerou o seu peche. Este feito foi visto como unha resposta contundente ante o que eles describen como unha “actitude ditatorial do alcalde, carente de sensibilidade e preocupación polas necesidades do territorio”.
Outro asunto destacado é a resolución xudicial que impediu a construción dun auditorio na antiga Feculera. Segundo os populares, isto demostra que Garrido enganou deliberadamente aos sarriaos, facendo promesas sobre un tema crucial para os intereses sociais e culturais da vila.
O Partido Popular lamenta que o labor propositivo da oposición non fose atendido. Ao longo do pasado ano, o Grupo Municipal do PP presentou 20 iniciativas no pleno para melloras diversas, nas que destacan propostas como a mellora da conexión a internet no rural, o fomento dunha ruta do románico, e a posta en valor do río Celeiro, entre outras, sen que ningunha fose abordada polo goberno local.
Carmen José López critica tamén o posicionamento de Camiña Sarria, que votou en contra de propostas como a recuperación da zona da Veiguiña e a axilización das licencias urbanísticas. Este último problema supón unha "importante perda" de oportunidades para o municipio.
O Partido Popular comprométese a seguir protexendo os intereses dos veciños en 2025, instando ao goberno municipal a un cambio de rumbo que permita avanzar nos retos e proxectos de Sarria, dos cales aseguran que “nunca son prioridade” para Camiña Sarria.