Os populares de Sarria critican que o goberno local poña "en risco" case 3 millóns de euros do contrato da luz
O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria alerta sobre a delicada situación na que se atoparía o contrato da luz ao terse omitido o procedemento legal para a súa modificación, tal como apuntan os informes da interventora.
Este informe, de que data do 18 de xuño de 2022, recorda que “a ausencia de trámites esenciais no procedemento de contratación é determinante de causa de nulidade”, pero tamén está o informe de secretaría do 10 de xullo deste ano que explica que esta modificación supón a “execución das prestacións sen a debida aprobación e a conseguinte falta de cobertura contractual, configurada como como excepcional e irregular, obviándose determinados trámites procedimentais”.
O mesmo informe indica que “de acordo co réxime de invalidez dos actos suxeitos á LCSP a que se fixo referencia na consideración xurídica anterior, a modificación de facto dun contrato podería ter encaixe na causa de nulidade de pleno dereito”.
Ademais, desde o grupo popular comentan que xa no 22 de febreiro de 202, a enxeñeira industrial municipal do Concello de Sarria, responsable da facer o seguimento da execución do contrato, indicou discrepancias respecto á proposta inicial dada pola empresa, recollendo de forma expresa que “non se cumpre coa proposta inicial dada pola empresa" no documento “Sobre B: Proposición técnica”.
"Un dos contratos máis importantes"
Así, os populares denuncian que o alcalde "ocultou a situación e advertencias de ilegalidade e a necesidade de aprobación polo pleno da modificación realizada pola empresa, necesidade posta de manifesto o 1 de febreiro deste ano polo IDAE (organismo encargado da xestión da axuda)" e, en vez de dar cumprimento ao requerimento e levar o asunto ao pleno, a modificación foi aprobada por resolución do alcalde aínda sendo consciente de que carecía de competencia a estos efectos", explican.
Ademais, din que este é "un dos contratos máis importantes economicamente dos que se teñen celebrado no Concello de Sarria e ademais está pendente a súa xustificación aos efectos da subvención europea conferida".
Por todo isto, dende o Grupo Municipal do Partido Popular considérase "unha absoluta irresponsabilidade que o Goberno Municipal ocultase e obstaculizase a tramitación do expediente conforme a legalidade vixente, cun deliberado ánimo electoralista, e poñendo en risco a percepción de 2.943.995,41 euros de financiamento europeo, que aínda se atopa en cuestión e que podería perderse advertidos polos propios técnicos municipais".
A voceira do Partido Popular, Carmen José López, recorda, ademais, que a ilegalidade provocada sería "plenamente imputable ao goberno de Camiña Sarria e a súa ausencia de respecto e responsabilidade cara a veciñanza ao antepór intereses electoralistas aos da propia vila".