Os populares de Sarria fan balance dos primeiros cen días do goberno local e critican ao alcalde
O Grupo Municipal Popular de Sarria fixeron balance dos 100 primeiros días do mandato, dos que din que “se evidencia a fuxida cara adiante do rexedor que en lugar de xestionar debidamente os ingresos e as subvencións, pide novos préstamos que endebedan aínda máis ao noso Concello”. Polo que condenan a “total falta de previsión, xestión e control por parte do goberno de Claudio Garrido” no eido económico e financeiro.
A voceira, Carmen José López, non entende “ata que punto o alcalde quere endebedar ao Concello. Se o déficit do Concello de Sarria era duns 9 millóns de euros a final do pasado mandato, agora supera os 10 millóns e o último informe de Intervención segue alertando da senda de crecemento de gasto”, explica. “Pero aínda así, o alcalde plantexa un novo préstamo de 555.000 euros para facer fronte a un investimento que, supostamente, xa estaba previsto”.
Ademais, recalcan que, segundo os datos do Ministerio de Hacienda, Sarria é o segundo municipio da provincia que máis aumentou a súa débeda nun ano. De feito, a maior parte da débeda actual do Concello de Sarria débese á operación de crédito no ano 2022 por importe de 991.900 euros.
Os populares engaden, que “a falta de control queda de manifesto coa perda de subvencións, a situación do matadoiro e o descontrol sobre a recadación das feiras, que coñecemos tras saír á luz que o Concello estaba a cobrar as taxas a uns feirantes si e a outros non. O alcalde non sabe o que recada”, condenan. López, por último, sinala que “neste tempo fóronse descubrindo moitas das cousas que Garrido tratou de tapar durante a campaña electoral das pasadas eleccións municipais”.