Os populares de Sarria insisten en que a ordenanza do lixo é "ilegal, arbitraria e inxusta"

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria respondeu ás acusacións de “bloqueo” lanzadas polo Goberno local e defendeu a súa postura fronte á nova ordenanza do lixo, asegurando que o seu rexeitamento foi “un voto de responsabilidade”. Os populares consideran que a situación da recollida e limpeza viaria é “grave”, pero subliñan que iso “non lexitima a improvisación nin a aprobación dunha norma baseada en datos falsos e criterios inconsistentes”.
Segundo explican, o Executivo municipal pretendeu vincular a renovación dos contedores e a regularización dun contrato caducado desde hai cinco anos á aprobación dunha ordenanza “ilegal, arbitraria e inxusta”. “O Goberno pretendía repercutir a todos os sarriaos a ineficiencia da súa xestión durante os últimos cinco anos, nos que mantivo un contrato caducado”, sinalan dende o grupo popular.
O PP critica que a proposta contemplaba incrementos de ata o 800 % nalgúns casos, baseados en criterios “aleatorios e sen fundamento técnico”, o que podería derivar, advirten, na súa anulación xudicial. “Non se pode aprobar unha norma que podería deixar ao Concello exposto a reclamacións e devolucións de cobros indebidos”, engaden.
Os populares lembran que desde o inicio fixeron unha proposta alternativa “baseada en datos reais de xeración de residuos, respectuosa coa lei e con carácter progresivo”, que permitise aplicar as subas de forma escalonada para non afogar a familias nin pequenas empresas. Tamén propoñían incentivar a compostaxe e a reciclaxe con bonificacións, en lugar de penalizar sen xustificación.
“O noso voto en contra foi un exercicio de responsabilidade —aseguran—. Non podiamos apoiar unha ordenanza que non garante o principio de ‘quen contamina paga’ e que podería situar a Sarria nunha situación aínda peor se os tribunais a anulasen”. O PP insiste en que seguirá disposto ao diálogo, pero esixe ao Goberno local “rigurosidade, planificación e lealdade institucional” á hora de abordar a renovación dun servizo que leva cinco anos en precario.