Os populares de Sarria preguntarán ao Goberno local cando reabrirán o tráfico da rúa da Calexa
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria preguntarán ao alcalde no vindeiro pleno sobre a situación da rúa da Calexa ante a falta de explicacións do Goberno local sobre os motivos polos que segue pechada despois de case un ano cando os traballos de demolición dun edificio que motivaban o seu peche xa remataron e aparentemente non hai maquinaria nin traballos que obstaculicen o tránsito.
Ademais, os populares pedirán información sobre as razóns polas que non se restablece o tránsito normal e polas previsións que manexa o goberno municipal para a súa reapertura.
A voceira, Carmen José López, sinala que “está a piques de cumprirse un ano dende o peche ao tráfico e ao paso peonil desta rúa situada entre as interseccións das rúas Frei Luís de Granada e Padre Sarmiento e os veciños da zona trasládannos a necesidade de proceder á súa reapertura, unha vez que aparentemente non existen razóns para mantela cortada”.
Así, sosteñen que “descoñecemos se a día de hoxe existe algunha cuestión técnica ou de seguridade que xustifique que o tráfico e o paso non se teña aínda restablecido e por iso pedimos explicacións pola situación tendo en conta que o peche desta rúa está ocasionando trastornos no tráfico normal na zona”.
En definitiva, conclúen que o "equipo de Goberno falaba dun corte dunha duración aproximada dun mes e medio, o derrubamento do edificio que motivou o corte en abril do pasado ano xa se produciu e, a piques de cumprirse un ano, seguen instaladas no acceso á rúa da Calexa as vallas e os sinais indicativos do peche da mesma”.