Os populares piden axudas para os gandeiros afectados polas inclemencias meteorolóxicas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno que a Deputación de Lugo habilite unha partida orzamentaria
vacas-tenreira-galega
20 Out 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno que a Deputación de Lugo habilite unha partida
orzamentaria para axudar a todos os profesionais do sector agrogandeiro que se viron afectados polas inclemencias meteorolóxicas e sufriron as súas consecuencias. O voceiro provincial, Antonio Ameijde, explica que “se de verdade defenden a este sector, tanto PSOE como BNG apoiarán esta iniciativa” así como “convocarán estas axudas e as resolverán á maior brevidade posible para cubrir os danos provocados polo temporal en explotacións gandeiras da provincia”.

Ameijide tamén explica que “este apoio debe brindarse dende todas as institucións polo que tamén pedimos que a Xunta de Galicia incremente a partida orzamentaria para 2025 que a Consellería do Medio Rural dirixe a fomentar a contratación de
seguros agrarios para facer fronte a este tipo de situacións”. Ademais, o Goberno do Estado tamén debe colaborar neste eido para paliar as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas xa que “aínda que sone reiterativo, falamos dun sector clave para a economía da provincia de Lugo e emprega a miles de lucenses e que favorece o asentamento poboación”, sen esquecer que tamén pon en valor os recursos naturais do territorio e garante a conservación da paisaxe e do medio ambiente.

“Por iso consideramos fundamental estar ao carón deste sector sobre todo neste momento tan complicado tralas últimas inclemencias meteorolóxicas xa que as consecuencias das mesmas inflúen no día a día dunha explotación gandeira e
poden chegar a condicionar a súa viabilidade”, afirmou. Os fenómenos meteorolóxicos que vivimos nos últimos meses provocaron importantes danos en cultivos da provincia afectando ao 52 % da recollida de millo forraxeiro xa que ademais dos danos nas propias plantas, o temporal provocou inundacións nas parcelas – principalmente na zona da Terra Chá – que dificultan o acceso de maquinaria agrícola para a recollida do millo, un labor aínda sen realizar porque as condicións meteorolóxicas atrasaron a súa sementeira e dificultaron o seu crecemento.

Antonio Ameijide destaca que á vista da importancia de que o sector primario é un motor importante para a provincia e que a Deputación de Lugo vén de recibir máis de 21 millóns de euros (21.756.212,86 euros) procedentes da Liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022, “o goberno provincial ten a oportunidade de demostrar con feitos o seu apoio ao sector do que forman parte boa parte dos e das lucenses”.

0.13532495498657