Os populares piden á Deputación que impulse a construción da LU-P-4206 que conecte Paradela co Saviñao

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide explica que defenderá no pleno do martes unha iniciativa para que o equipo de goberno da Deputación de Lugo impulse a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao despois de visitar a zona coa portavoz do PP de Sarria, Carmen José López.
Ruta turística Paradela Saviñao
21 sep 2023

Antonio Ameijide explica que defenderá no pleno do martes unha iniciativa para que o equipo de goberno da Deputación de Lugo impulse a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao despois de visitar a zona coa portavoz do PP de Sarria, Carmen José López.

Así, ámbolos dous percorreron o lugar cos alcaldes de Paradela e O Saviñao, ademais de membros das corporacións, e ven positivo que a Deputación de Lugo recupere este proxecto, dado o crecente interese que hai polo turismo de experiencias na natureza e polo turismo activo no interior e pola consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

No proxecto que defenderán, inclúese unha senda ciclista e peonil coa que garantir a seguridade de ciclistas e senderistas, ademais de apoiar o turismo sostible.

Antonio Ameijide recorda que este proxecto xa se iniciou no ano 2003, pero que coa chegada de PSOE e BNG á Deputación en 2007 e co bipartito na Xunta de Galicia, o proxecto quedou sen finalizar.

Para os deputados populares este proxecto é fundamental para o desenvolvemento e para vertebrar o territorio, un proxecto que percorrerá a beira do Miño con fins claramente turísticos e de conexión territorial entre Paradela e O Saviñao, pasando por varios núcleos de poboación e distintos miradoiros ao río.

Turismo na provincia de Lugo

Os populares defenden que o turismo é un dos principais sectores económicos da provincia de Lugo debido ao inmenso patrimonio natural, paisaxístico, arqueolóxico, arquitectónico, histórico, cultural e social do seu territorio. Un potencial que hai que saber aproveitar dende a Deputación de Lugo, ben sexa de xeito directo ou colaborando cos concellos para que poidan sacar omáximo rendemento a este potencial.

A Ribeira Sacra xa está consolidada como destino preferente entre os turistas que visitan a provincia e, polo tanto, "constitúe un motor económico importante para os municipios da zona sur bañados polo Miño e o Sil", explicou Ameijide. “A ocupación nesta zona da provincia revela o crecente interese dos visitantes pola Ribeira Sacra aoalcanzar o 90% o pasado mes de agosto, segundo os datos do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”, recordou.

0.18891501426697