Os populares pídenlle ao Goberno local de Sarria que esixa a Adif a que mellore as pistas e accesos das vías do tren

SarriaXa
Os concelleiros do PP de Sarria pedirán ao goberno local no vindeiro pleno que inste a Adif para que mellore as pistas e accesos na contorna das vías do tren ao longo do seu trazado no termo municipal de Sarria, onde se están a levar a cabo obras de renovación e electrificación.
Acceso a estación de Oural
16 Nov 2023

Os concelleiros do PP de Sarria pedirán ao goberno local no vindeiro pleno que inste a Adif para que mellore as pistas e accesos na contorna das vías do tren ao longo do seu trazado no termo municipal de Sarria, onde se están a levar a cabo obras de renovación e electrificación.

Os populares esixen unha solución ante as queixas de “moitos veciños que nos trasladan o seu malestar polo estado das estradas ou pistas que soportan diariamente o paso de numerosas máquinas e vehículos vinculados a estas obras”.

Tendo en conta que “calquera obra implica incomodidades e prexuízos, tamén é certo que dende o goberno local se debe poñer vontade e esixir a Adif que garanta os servizos aos veciños e veciñas”, sosteñen desde o Grupo Municipal Popular.

Outras deficiencias en Sarria

Ademais, explican tamén que “a Ponte do Mazadoiro está nun estado lamentable: a parte antiga estase a deteriorar de forma importante e a parte recentemente reformada enchárcase facilmente porque o firme non é homoxéneo”.

Igualmente, nomean a situación no barrio da estación en Oural que “queda sen un acceso en condicións á propia estación e ás vivendas do entorno porque a estreiteza das vías non permiten o cruce de dous vehículos nin o acceso axeitado de camións nin ás vivendas nin á estación”.

É por iso polo que lle piden ao goberno que preside Claudio Garrido que busque a fórmula e inste a Adif para garantir a mellora do firme en estradas e accesos aos núcleos de poboación próximos á vía afectados polas obras, a mellora da ponte do Mazadoiro cun firme novo e homoxéneo para toda a ponte e a construción dun acceso amplo para a estación de Oural e as vivendas da zona “para que non se queden illadas e dispoñan dunha comunicación acorde cos tempos en que vivimos”.

Ademais, tamén esixen a mellora da contorna da estación de Sarria, ordenando e renovando toda a fronte da estación desde a ponte do Mazadoiro ata a Feculera, “xa que esta é unha das estacións que ten máis tráfico de viaxeiros na provincia”.

Por último, os populares critican que “xa hai tempo que Claudio Garrido prometera aos presidentes das comunidades de veciños do barrio da Estación xestionar con Adif, aproveitando as obras na vía, a cesión de terreo para o ensanche do tramo, da estreita e perigosa saída cara a unha das rotondas que dan acceso ao corredor cara a Lugo, do que nada sabemos por agora".

0.10658311843872