Os populares visitan no Incio a maior explotación de porco celta asociada a Asoporcel na provincia

Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron unha explotación de porco celta situada en Teixeiro, no concello de O Incio, destacando o seu valor como modelo de desenvolvemento rural e motor económico na provincia de Lugo.
Participaron na visita os deputados Antonio Ameijide, Héctor Corujo —tamén alcalde de O Incio—, Luis Fernández e Jesús Núñez, quen coñeceron ao carón do propietario Carlos Teijeiro todos os detalles dunha das instalacións máis destacadas neste sector, ao ser a máis grande da provincia entre as adscritas á asociación Asoporcel.
Esta explotación singular destaca por ter conseguido agrupar arredor de trinta parcelas pertencentes a propietarios asentados en tres continentes distintos, co fin de permitir que os exemplares de porco celta medren en liberdade, aproveitando os recursos naturais do campo galego. Ademais, incorpora técnicas innovadoras tanto na cría como na xestión dos residuos, empregando procesos químicos, acción bacteriana e tecnoloxía avanzada para minimizar o impacto ambiental.
Antonio Ameijide destacou a importancia deste tipo de iniciativas que “contribúen a fixar poboación no rural e demostran que tamén nos concellos eminentemente rurais se poden impulsar proxectos empresariais capaces de xerar riqueza”. O voceiro provincial do PP tamén salientou o papel da Xunta de Galicia no apoio ás razas autóctonas, como a do porco celta, clave neste proxecto.
Pola súa parte, o alcalde de O Incio, Héctor Corujo, agradeceu a aposta dos promotores por un concello como o seu, sinalando que “iniciativas coma esta son a mellor vía para atraer poboación e ofrecer oportunidades reais a quen quere comezar un proxecto de vida no rural”.