Os senadores do PP denuncian que Viveiro e Sarria quedan sen novas prazas xudiciais

SarriaXa | AMariñaXa
Os populares critican que o Goberno de Sánchez non prevé unidades xudiciais nestes municipios a pesar da creación de 500 novas prazas anunciadas
Xulgado-Sarria-reforma
14 Mar 2026

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, alertan de que o Goberno de Sánchez “non prevé a creación dunha nova praza xudicial nin en Viveiro, nin en Sarria”. Os populares interesáronse desde o Senado polos plans do Ministerio de Xustiza tras o anuncio do pasado 26 de xaneiro da creación de 500 novas unidades xudiciais, das cales, segundo a resposta oficial, “ningunha se destina a estes municipios”.

Os representantes lucenses condenan o que consideran un desprezo do Goberno de Sánchez ás necesidades dos xulgados de instancia de Viveiro e Sarria. O Ministerio chega a negar que o xulgado de Viveiro estea “desbordado dende fai anos”, describindo a situación como unha “sobrecarga de traballo puntual”.

Segundo a resposta oficial, para estes casos só se contemplan medidas de reforzo, sen preverse a creación dunha nova unidade xudicial, aínda que se recoñece que o plan de Xustiza está en fase de tramitación e pendente dos informes do Consello Xeral do Poder Xudicial e das Comunidades Autónomas.

Para os populares, esta situación evidencia “o desprezo de Sánchez a Galicia e particularmente á provincia de Lugo”. Por iso, insisten en reclamar “o mesmo trato que o resto do país” porque “non queremos ser máis, pero tampouco menos ca ninguén. Os lucenses temos dereito a unha xustiza próxima e áxil”, conclúen.

0.11560797691345