Os sindicatos convocan manifestacións nas principais cidades polo 1 de maio

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia chaman a cidadanía a manifestarse o 1.
30 Apr 2024

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia chaman a cidadanía a manifestarse o 1.º de Maio, Día Internacional do Traballo, para defender o gañado ata agora e continuar avanzando en novos retos laborais e sociais. O lema escollido este ano, Polo pleno emprego, a redución da xornada e mellores salarios, sintetiza esta necesidade as principais reivindicacións.

Nun contexto convulso como o actual, tanto a nivel estatal como internacional, UGT e CCOO defenden o sindicalismo de clase como un piar transformador: onde hai sindicatos fortes e con forza na toma de decisións, a vida da clase traballadora é mellor.

Grazas ao diálogo social, na última lexislatura conseguíronse importantes melloras para a clase traballadora, como a reforma laboral, que se traduce en mellora na calidade do emprego —así o recollen as estatísticas oficiais—. Agora toca avanzar e camiñar cara ao pleno emprego.

Pleno emprego e, ao tempo, menor presenza nos centros de traballo, de aí a proposta de redución de tempo de traballo que os sindicatos lle trasladaron ao Goberno de España, co obxectivo de reducir a xornada laboral semanal.

No tocante aos salarios, CCOO e UGT defenden que hai marxe para incrementalos, pois a súa suba é compatible coa recuperación do emprego e unha absoluta necesidade para amortecer o impacto da inflación sobre o poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Soster os sistemas de protección social, protexer as persoas traballadoras que se encontran en situacións de vulnerabilidade, acabar coa precariedade laboral da xuventude ou coa fenda de xénero son outros dos grandes retos pendentes e polos que UGT e CCOO chaman a participar nas mobilizacións do Día Internacional do Traballo.

Na provincia hai dúas manifestación, en común con UXT en Lugo, con saída ás 12.30 horas da rolda da Muralla ata a Subdelegación. En Viveiro será en solitario con saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga ata a praza da Fontenova.

CIG

A CIG presentou a campaña arredor da que xira este ano a conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada na que a central sindical ten convocadas 16 manifestacións en cidades e vilas -a principal, desta volta, terá lugar na Coruña- e que se celebrará baixo o lema Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo.

Convocatorias nas que, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril, se denunciará “o belicismo e apoloxía da guerra que a UE, en entusiasta obediencia aos Estados Unidos (EUA) e ás misións da OTAN, está axitando para disimular manterse á fronte dun mundo que camiña a ser irreversiblemente multipolar e a rachar coa globalización neoliberal, co imperialismo que os EUA queren manter a lume, sangue e morte”.

Nese sentido, rexeitou o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. “Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”, dixo.

Neste contexto, advertiu dos altos prezos da cesta da compra; da baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012”, afirmou.

Así mencionou algúns dos datos máis salientábeis que constatan esta situación, como o aumentou nun 125,1% dos contratos fixos-descontinuos desde 2021; o medre das xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.

A manifestación será en Lugo ás 12:00 h desde o Edificio Sindical, na Ronda da Muralla. Haberá outra en Ribadeo ás 12.00 no edificio sindical da avenida de Galicia. Nas Pontes están convocados á mesma hora na praza do Carmen.

0.14606714248657