Os socialistas de Láncara denuncian o "incumprimento do Goberno da Xunta coa construción da glorieta"
O número catro da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé López, achegouse ata Láncara para manter un encontro co alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, o tenente de alcalde e deputado provincial, Pablo Rivera, e concelleiros e compañeiros das agrupacións socialistas da comarca de Sarria.
Alí, denunciou o ”incumprimento” do Goberno de Rueda coa construción da glorieta da Pobra de San Xiao, que enlaza a rúa Benigno Quiroga coa estrada LU-546-, obrigando ao Concello a pagar a obra e subliñou que con Besteiro como presidente da Xunta de Galicia “acabaremos co castigo do Partido Popular aos concellos e apoiarémolos para que poidan ofrecer mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños e veciñas”.
Miguel Tomé comprometeu a aposta de Besteiro por “potenciar o investimento nos servizos públicos para reequilibrar a Galicia interior”, para que non haxa, aseverou, “cidadáns de primeira e de segunda”, asegurou.
“Os lancareses e lancaresas son unhas vítimas máis do incumprimento e abandono do Goberno galego de Rueda no rural, e demostra que a súa palabra de feitos da que presume nos anuncios de campaña son parte da caravana de mentiras das que xa nos ten acostumados o Partido Popular”, subliñou o candidato.
Pola súa parte, o alcalde denunciou o “total desprezo da Xunta a Láncara”, pois comprometeuse a financiar o 50 % da rotonda, pero “fixémola nós con cartos do Concello e aínda seguimos á espera de ter noticias da conselleira de Infraestruturas para que nos atenda, malia solicitar en numerosas ocasións unha reunión con ela en Santiago para abordar, non só a falta da palabra da Xunta con esta actuación, senón tamén a substitución do médico xubilado no municipio, ou a grave situación que viven os nosos estudantes co transporte público, que van de pé ou nas escaleiras na viaxe a Lugo capital”.