Os trucos do mago Antón aterran o próximo sábado en Paradela
O mago Antón levará o seu espectáculo A volta a Galicia en 313 concellos o vindeiro sábado á praza do mercado gandeiro de Paradela.
Público de tódalas idades poderá desfrutar de cinco funcións de 45 minutos cada unha, dous en horario de maña e tres en horario de tarde.
A primeiras terán lugar ás 12.00 horas e ás 13.00 horas. E pola tarde, serán ás 18.00, ás 20.00 e ás 21.00 horas.
O ilusionista comezou con este espectáculo no ano 2018 no magomóbil para achegar a maxia a tódolos municipios da comunidade. Está dirixido a persoas de tódalas idades cunha morea de trucos de creación propia.
O ESPECTÁCULO
O mago Antón emprendía no 2018 esta nova aventura co magomóbil, un vehículo deseñado para a presentación de espectáculos de maxia cun máximo de 70 espectadores por función.
O espectáculo de 45 minutos é perfecto para grupos familiares: netos, pais, avós... nel sucédense a un ritmo trepidante unha ducia de xogos de maxia, todos eles de creación propia.
O Mago Antón está especializado en números de escapismo e maxia creativa. Pasou a súa infancia e adolescencia en Lugo, onde se inicia na maxia. Comeza a estudar Psicoloxía en Santiago de Compostela, abandonándoo en 1977 para dedicarse profesionalmente á maxia e á ventriloquia.
Anos máis tarde entra en contacto coa escola máxica de Madrid e realiza numerosas actuacións en diferentes cidades españolas e europeas. Nos anos 80 produce grandes espectáculos, destacando Merlín e Familia e crea a empresa Producións Máxicas.