Os usuarios da Residencia A Veiga de Láncara recibiron a visita dos Reis Magos
As Súas Maxestades de Oriente visitaron a localidade de Láncara para repartir ilusión, agasallos e caramelos. A primeira parada foi na Residencia A Veiga, onde os Reis Magos alegraron a tarde aos maiores cunha dose de dozura e afecto.
Posteriormente, desprazáronse ao Polifuncional da Pobra de San Xiao, onde continuaron a súa misión de levar sorrisos aos veciños máis pequenos e as súas familias.
A xornada concluíu xa entrada a noite, cun ambiente festivo no que non faltou a música, grazas á organización da asociación cultural O Noso Lar.
Para rematar a celebración, os asistentes puideron gozar de churros con chocolate, un detalle moi agradecido que puxo o broche de ouro a un día máxico.
Desde o Concello de Láncara e a organización, quixeron transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que participaron e fixeron posible esta entrañable actividade.