Os valores da SD Sarriana, presentes en cada categoría

SarriaXa
A Sociedade Deportiva Sarriana sobresae polos resultados obtidos durante esta tempada en cada unha das categorías do seu fútbol base e profesional
Sarriana-B-ascenso
4 May 2025

Jessica Fernández

A Sociedade Deportiva Sarriana sobresae polos resultados do seu primeiro equipo, a Sarriana A, que xoga en 3ª RFEF e logrou matematicamente clasificarse para o playoff de ascenso a 2ª RFEF, pero este ano tamén destaca o sénior B, que vén de ascender a Segunda Galicia despois de empatar contra o CD Corgo na volta, pero gañaran 3-1 na ida, o que lles asegurou a vitoria.

O seu adestrador, Raúl Fernández, sostén que "o que se conseguiu é algo moi importante para Sarria; para a canteira da Sarriana e para toda a xente que está arredor do club. Durante o partido, as bancadas estaban cheas de nenos, cheas de pais; foi todo o mundo apoiar ao equipo, mesmo xente que non ten vinculación co club pero que é de Sarria, e iso é moi importante para os rapaces que están neste club. É importante que haxa unha saída para os rapaces da canteira, porque o primeiro equipo está lonxe —hai que ser realistas— e isto é esencial para ter unha boa canteira, que os nenos e nenas que queiran xogar na Sarriana poidan facelo. Hai que seguir dando pasiños e mellorar a base", explicou.

Ademais, valorou positivamente a evolución do equipo esta tampada: “O obxectivo deste ano era ascender de maneira directa, pero non puido ser, xa que son rapaces novos que aínda teñen cousas que mellorar e esta categoría tivo moito nivel; é unha categoría sufrida na que hai que ser moi contundentes. Porén, están a un moi bo nivel e case non encaixamos goles. As sensacións son inmellorables, tiveron unha moi boa actitude durante a tempada e competiron ben, polo que me gustaría seguir con eles”, sostivo.

Pola súa parte, o equipo xuvenil, dirixido por Héctor Sánchez, vén de facer unha moi boa tempada, xa que conseguiron clasificarse á fase de promoción de ascenso, pero diversas baixas de xogadores importantes como Óscar fixeron que o equipo non puidera acadar o obxectivo do ascenso.

O adestrador explica que están “baixos de ánimo con este final, aínda que foi unha liga complicada na que os xogadores demostraron o seu talento contra rivais grandes; pero quizais nos faltou sorte”.

Así, dixo que “este ano, custounos moito comezar ao principio porque nos tocou xogar nunha liga nova, a interprovincial, na que hai bastante nivel; pero conseguimos, con esforzo, meternos na fase de ascenso e pelexamos ata o final. O peor desta última etapa foron as baixas de xogadores importantes, que condenaron ao equipo”, explica o adestrador.

Con todo, explica que “haberá que ir vendo o que pasa e depende de moitos factores o que eu siga con eles, xa que é un equipo moi novo de 17 xogadores e moitos son novos, esta tempada foi difícil e haberá que analizar todos os aspectos”.

Con respecto ao equipo cadete, que está formado por 22 xogadores entre os que destacan outros catro de categoría infantil, veñen de ascender despois de xogar a promoción de ascenso ao clasificarse como segundos, algo que Roberto Díaz, adestrador do equipo cadete da SD Sarriana, valora moi positivamente: “Estou moi contento cos rapaces. Hai un grupo moi bonito no que prima o compañeirismo, ao que lle dou moita importancia. É importante xogar ao fútbol, pero son máis importantes os valores que se adquiren durante a práctica do deporte. Traballamos tres días á semana e notouse moitísimo o cambio desde o principio de tempada ata agora, ademais de que é unha idade na que se lles nota moito o cambio”, explica Díaz.

Por iso, espera seguir da man deste grupo o ano que vén, “a pesar de ser unha idade difícil na que ás veces me mostran que non me soportan, porque creo que ao final me fan caso, me poñen atención, nos rimos... Creo que hai un ambiente positivo que se pode manter de cara ao futuro, aínda que depende de moitos factores, porque eu tamén formo parte do corpo técnico do primeiro equipo e adestro a outros equipos da comarca”, explica.

No caso do equipo infantil, os rapaces de 12 e 13 anos lograron o obxectivo de permanecer na liga de primeira división despois de ter unha boa evolución durante toda a tempada. O seu adestrador, Tomás Susavila, defende que “empezamos este ano con moitos rapaces de primeiro ano, polo que notei que lles custaba moito a adaptación, pero a partir de decembro, a verdade é que nestes meses notei un crecemento impresionante. Os rapaces están facendo una carreira espectacular e teñen un nivel de disciplina que me sorprende, ademais de haber tamén unha moi boa evolución a nivel técnica e de compañeirismo entre todos os xogadores. Ao final, a miña finalidade sempre é armar un bo grupo cunha boa dinámica, porque os grupos bos fan cousas lindas e interesantes”, destaca o técnico.

Por iso, púxose como obxectivo a permanencia: “Que os rapaces teñan obxectivos é bo porque os motiva, pero para min o máis importante é dar opcións de vida. É dicir, formamos rapaces para que, a nivel individual, se queren xogar ao fútbol o día de mañá, poidan facelo; pero se queren seguir outro camiño da vida, os valores do deporte lles axuden na vida mesma. Trato de inculcar valores e tamén intento que desfruten, porque é un deporte que a todo o mundo lle gusta xogar e é moi querido no mundo”.

Con respecto ao futuro, di que “tras conseguir a salvación e co obxectivo cumprido, iremos pensando nos do ano que vén, conxuntamente, porque eu espero seguir con eles porque me gusta moito o que temos construído nestes dous anos que levo con eles. Ademais, para min é moi bonito ver como medran e cambian, así como ver como se axudan uns a outros, os que levan un ano axudan a mellorar aos que acaban de entrar e é unha categoría que para min é bonita porque non só estou eu guiando ao equipo, tamén o fan os grandes cos máis pequenos e isto tamén lles ensina valores de axuda aos grandes e de exemplo aos que son axudados”, conclúe.

Nacho, adestrador do equipo Alevín A da Sarriana, fai un balance moi positivo da tempada. O equipo, formado por 14 nenos, comezou o curso con moitas ganas e está rematando coa mesma ilusión, incluso cunha evolución notable tanto no xogo como na actitude. Actualmente compiten na Alevín F8 Primeira Futgal, unha categoría esixente onde están amosando un gran nivel ata mediados de maio. O técnico destaca o “compromiso e a ilusión dos rapaces, que non só están desfrutando do fútbol, senón que tamén reflicten os valores que promove tanto o club como o propio deporte: compañeirismo, respecto, esforzo e deportividade”.

Todos os xogadores tiveron a oportunidade de participar activamente nos partidos, xogando os mesmos minutos e en diferentes posicións no campo, o que favorece a súa formación integral. De cara ao futuro, a maioría dos xogadores pasarán á categoría Infantil, e a intención do club é que continúen medrando tanto a nivel deportivo como persoal, aínda que non se sabe se o técnico seguirá á fronte do equipo.

O adestrador do equipo Benxamín A da Sarriana, que asumiu o reto de dirixir o conxunto benxamín xunto a Froilán, comenta que o equipo conta con 11 xogadores, e en varias ocasións tiveron que recorrer ao Benxamín B para completar convocatorias en partidos e torneos. “O nivel é bo, pero pódese mellorar moito”, asegurou o técnico, deixando claro que hai marxe de crecemento.

Un dos aspectos que máis lle preocupa é a formación adecuada nestas idades, subliñando a importancia de contar con adestradores titulados. “Necesitamos máis adestradores titulados para traballar nestas idades, que non é só xogar ben, senón xestionar a súa coordinación e a psicomotricidade”, afirmou.

O seu enfoque vai máis alá do resultado inmediato, centrado en sentar bases sólidas que sirvan non só para o fútbol, senón para calquera disciplina deportiva. Coa vista posta no futuro, manifestou o seu desexo de implicarse aínda máis co grupo: “Quero estar máis tempo con eles xa que estamos a xogar torneos nunha segunda fase de liga e participaremos na Copa Deputación”.

Ademais, recalcou que todos os nenos desfrutan do mesmo tempo de xogo e rotan en todas as posicións, buscando unha formación global. Por último, adiantou unha idea que espera poder presentar proximamente ao club: a creación dun equipo feminino de fútbol 8 composto por nenas de entre 9 e 11 anos, un proxecto que, segundo as súas palabras, “xa o comentarei no seu momento no club”.

Finalmente, o equipo prebenxamín A ou tamén considerado o equipo revelación agrupa a 11 que contan para o seu desenvolvemento deportivo e persoal con Valentín Mosqueira, o adestrador, que pon en valor o equipo. “É un grupo moi bo, no que todos están implicados co deporte, así como o están as súas familias, algo que é moi importante. Veñen aos adestramentos e aos partidos para apoiar aos seus fillos e involúcranse co equipo. Pola súa parte, os nenos forxaron amizades e mostran o seu interese por aprender. É impresionante como  procesan a información”.

Por iso, están competindo para participar no campionato galego, “o que sería unha gran recompensa enorme para os nenos”. Con respecto ao futuro, di que lle gustaría seguir co equipo “porque son moi bos, estou moi contento e quero seguir axudándolles a que melloren, que xoguen todos mais/menos os mesmos minutos e en todas as posicións para que todos teñan distintas experiencias, que poidan probar e xogar, así como aprender e decidir onde se senten máis cómodos”, subliña.

⚙ Configurar cookies
0.15461587905884