Os veciños do Incio quedan sen auga pola rotura dunha tubaxe na rede de abastecemento xeral
A rotura dunha tubaxe na rede de abastecemento xeral de auga en Rubián de Cima provocou o corte do suministro de auga en varias parroquias do Concello do Incio dende primeira hora da tarde do martes 11 de maio.
Nada máis producirse a desgraciada incidencia, varios operarios municipais do Concello do Incio puxéronse mans á obra para tratar de reparar a rotura o antes posible.
As parroquias afectadas polo corte do suministro de auga son, entre outras, a propia Rubián de Cima, onde tivo lugar a rotura da tubaxe na rede de abastecemento xeral, e A Cervela.
Os operarios municipais traballan coa maior celeridade posible para tratar de solventar o problema no mesmo día. Mentres, dende o propio Concello do Incio sinalan que lamentan profundamente as molestias que este incidente poida causar aos seus veciños.