A veciñanza de Sarria concentrouse fronte ao centro de saúde para esixir unha sanidade pública de calidade
Decenas de persoas achegáronse durante a tarde de onte ao centro de saúde de Sarria para protestar pola situación que está a vivir Sarria en canto á sanidade e para defender a atención primaria e o dereito a unha sanidade pública e de calidade.
Na concentración, convocada polo BNG de Sarria, estivo tamén Carme Aira, portavoz do BNG do Incio e representante nacionalista no Parlamento Galego; ademais doutras autoridades, que apoiaron aos veciños e veciñas sarriaos.
Sarria só ten en activo tres médicos en quenda de mañá dos oito que forman parte do cadro de persoal debido a que cinco dos profesionais sanitarios non están dispoñibles por traslados vacacións ou baixas laborais, e a Xunta de Galicia non cobre esas baixas de persoal médico.
Por esta razón, desde o BNG sostiveron que “Sarria non pode estar nesta situación, xa que pon en risco a saúde dos máis vulnerables e por iso rexistramos unha moción en defensa da atención primaria para demandar á Xunta de Galicia que cubra con urxencia as prazas do centro de Saúde”.