Óscar e Luis, creadores de Xardín das Fadas: “Somos o que somos e sentímonos orgullosos de onde vimos”

Jessica Fernández
“Sarria ten un papel primordial no disco e queremos poñer en valor esta zona do mundo”, sosteñen Óscar, de Triacastela, e Luis, de Sarria, dous rapaces de 26 e 25 anos que veñen de lanzar o seu primeiro disco Xardín das Fadas, ambientado na comarca de Sarria. Neste disco, de 16 temas, nos que relatan “unha etapa rara que vivimos os dous, na que nos acompañamos. É un espazo conceptual de sucesos que nos pasaron en Sarria, Triacastela e Lugo. Despois de rematar as nosas carreiras universitarias, despois de ter abandonado as nosas casas, volvemos a Sarria onde nos xuntamos de novo, xa que estudamos xuntos no IES Xograr Afonso Gómez, e démonos conta de que queriamos representar o que somos: a feira, o río Miño, poder mercar un chuletón por catro euros. Queriamos poñer en valor o benestar desta zona do mundo, na que se atopa o monte Oribio onde nace o río de Sarria”, explican.
“Moitas veces imos no coche a dar voltas e chegamos a nunha montaña e paramos a falar do que nos pasou e escoitamos música; a natureza, a música doutros artistas e, sobre todo, a comarca de Sarria inspíranos a facer música que poida escoitar a nosa xente e sentirse identificada, polo que tamén é para eles”, argumentan. Por iso, din que Xardín das Fadas, o título do disco, significa que as fadas son “as persoas que nos acompañaron nesta etapa da vida: as amizades, as relacións amorosas, as nosas familias, os avós... e incluso Luis é unha fada para min e eu para el, porque marca unha parte da miña vida”, explica Óscar. Pola sua parte, Luis sostén que, para el, este disco “foi como pechar unha parte da miña vida, o paso de ser neno a adulto, e a sensación de medo e á vez de seguridade por ter persoas ao meu redor como Óscar. Queremos desfrutar Sarria como nunca e diso dinme de conta ao volver aquí, nunca vira Sarria desta maneira e quero seguir neste camiño, porque para min Sarria é casa e gústame potencialo e empoderalo porque moita xente di que aquí non hai nada, pero hai moito e moito por facer”, defende o coñecido artisticamente como Saha.
Así, cre que “en Sarria hai moitas posibilidades para asentarse, xa que somos unha vila inclusiva e tamén hai migración que funciona como mecanismo de combater o envellecemento. Hai traballo, hai oportunidades e vívese moi ben. A nivel cultural tamén hai cousas, pero á xuventude fáltannos cousas, e hai que apoiar o localismo. Sarria ten que aproveitar o seu potencial e non limitarse a promover a masificación de albergues, debe haber algo máis. Gustaríame que houbera cousas chulas en Sarria porque o merece”, destaca Luis; mentres que Óscar cre que tamén se pode facer máis por Triacastela: Ao ser un concello rural, está sufrindo o abandono que pasa en toda Galicia. Vexo oportunidades, pero tamén o abandono por parte da Xunta e tamén dos concellos locais. Sen apoio das institucións e sen xente que queira poñelas en marcha, é difícil. Ademais, entre concellos do rural deberían apoiarse, pero ao ser de distintas cores políticas, non hai esa colaboración e é unha mágoa. Así, a zona cae no esquecemento, a pesar de contar cunha contorna natural espectacular que se podería poñer en valor e presumir dela”. Pola súa parte, Luis, como historiador, engade que a Cova Eirós “non se valoriza o que debería, hai xente de Sarria que non a coñece e unha das máis importantes de Europa, non todo debe estar relacionado co Camiño de Santiago”. Ademais, critican que “non hai museos. O plano cultural pasa a segundo plano así esquecemos a nosa historia como sarriaos. Hai que ter unha mirada máis ampla e dar posibilidades pata que a xente mostre o que fai, fai falta investir na cultura”, sentenza.
A EVOLUCIÓN DOS ARTISTAS
Óscar e Luis comezan a rapear arredor dos 16 anos, cada un individualmente, e cando coinciden no bacharelato danse de conta de que ambos teñen as mesmas inquedanzas, polo que empezan a quedar para freestyle. A Óscar sempre lle gustou escribir, polo que escribía os seus temas, collía bases de música de Youtube e gravábase. Luis apoiábao e pouco a pouco comezaron a gravar xuntos, xa que a Luis gustáballe moito a produción musical. “Para nós eramos como un refuxio o un para o outro, para saber se o que estás facendo está ben, que te validen”, explica Luis. O freestyle para eles “era facer musica dunha forma xenuína, porque dicías o que pensabas”, comenta Óscar.
Por outra banda, ademais das letras, a Luis gústalle moito producir música: “Podo pasarme horas no ordenador, porque o que me enche é crear algo, unir elementos que non teñen que ver e ao unirse teñen sentido. Fago todo con teclado e cun programa que ten todos os instrumentos. Empezo cunha batería e me inspira, ou vexo unha canción que me gusta e quero facer algo parecido dándolle o noso toque. O noso disco vai por aí, xa que lle dou outra enerxía ás cancións”, explica Luis. Pola súa parte, Óscar pon en valor a complicidade entre os dous: “Cada un escribe o seu cacho e logo xuntámolo e apoiámonos, imos aconsellando e creando xuntos. Producir foi un momento de inflexión, porque Luis aproveitou todo o seu talento”. Luis engade que “tamén fago cousas con Photoshop; gústame deseñar e sempre estou pensando en novas ideas creativas. Óscar tivo a idea do título, O Xardín das Fadas, e eu fixen as creatividades. Motivámonos entre nos, melloramos xuntos”, destaca.

O Xardín das Fadas trata “o amor como xeito de vida e maneira de relacionarse: dende as lembranzas polas avoas, ata a toxicidade e/ou harmonía na que se pode envolver unha relación amorosa, pasando pola compañía e comprensión das amizades. Ademais, ren referencias a Portugal e todo o contexto lusófono, exemplificada en diversas referencias ao territorio e á súa cultura”, concretan. Así, din que o disco “non ten un xénero concreto, pero como letristas e á hora de poñer a nosa voz, identificámonos como rapeiros. Pero estamos abertos a crear o que nos inspire, calquera xénero”, explica Óscar, mentres que Luis defende que “a min gústame saír da zona de confort, tocar calquera xénero pero que teña o noso toque, rapeamos porque non temos voz para cantar pero gustaríanos traballar con máis xente e tocar outros xéneros e seguir aprendendo de xente, non limitarnos”, comenta como proxecto a futuro. Ademais, subliña que “nós somos dúas persoas conscientes da realidade, podemos dicir algo da cotidianidade e tamén “Altri Non”. Na nosa actitude xa se nos ve como somos e iso gústame. Non somos activistas, pero somos persoas conscientes e orgullosos diso. No disco hai reivindicación e de empregar a lingua galega porque fai falta reivindicalo como forma da cultura, pero tamén esa parte persoal. Nós somos o que somos, non é postureo”, sentencian.
Como anécdota, ambos artistas contan que a gravación enteira do disco fíxose nun armario do piso de Óscar e cun micrófono do ano 2006 que lles deixou o seu irmán. Con eses medios, “xa que podiamos gastar moito diñeiro”, gravaron os 16 sinxelos que xa se poden escoitar en Youtube e Spotify. “Utilizamos o armario porque non poidamos illar unha habitación enteira, entón metemos o ordenador dentro do armario e colgamos o micrófono como se fora unha percha. Como a roupa illa o son, puxemos unhas chaquetas e metemos a cabeza dentro do armario para gravar as cancións”, explica Óscar. Despois, veu o traballo de pos produción, da man de Luis, que sostén que “cando creas un bo ambiente, case calquera voz queda ben nunha canción. A min gústame meterme nos detalles e sacarlle brillo e a voz colle moito peso, polo que moi orgulloso de soar así sen case nada”, conclúe.
Con esta vontade de seguir creando, din que o proxecto de futuro é “manter as cousas que facemos, seguir facendo música con sentido e amor, sen sacar nada por sacar. Este disco é un produto con sentido que simboliza esta etapa e que fixemos para a xente de Sarria. Agora tamén queremos colaborar con xente, pero sempre que lle vexamos un sentido, e que nos apeteza, sen expectativas. Gustaríanos seguir aportando á música en galego e aprender da música doutros referentes. Xa estamos pensando en ideas para integrar outros estilos, coa mente aberta, e sen pecharnos a nada, coas ganas que teñamos de crear”, conclúen.