Outra volta co tempo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
15 Dec 2023

Por Pablo Veiga

Botando a vista atrás, un descubre que xa leva colaborando co xornal Terracháxa desde hai quince anos. Case nada. Non é toda unha vida, pero tampouco está nada mal o asunto. Pois durante todo este percorrido, un total de cento oitenta e catro artigos saíron á luz para seren lidos polo público que así o desexase. Terracháxa continúa, un mérito que cómpre recoñecer ante as enormes dificultades que arrodean á prensa escrita.

Pois neste período tratáronse múltiples temas, procurando darlle en todo momento un enfoque local e propio. O título da columna, “A Nosa Voz”, pensamos que xa resulta significativo. E como non podía ser doutra maneira, tíñase que falar sobre o tempo, asunto ao que se recorre de forma case inmediata para iniciar calquera conversa en todo lugar que se preste. No artigo precedente, un analizaba os lumes que arrasaron centos de hectáreas de eucaliptos, principalmente no concello de Trabada, chegando mesmo ás portas da vila de Foz, con ameaza real para as persoas. Ese incendio –ou incendios- semella ter sido provocado pola man do home, axudado obviamente por unhas excesivas temperaturas que se deron, tamén na Mariña, a principios de outubro. Unha situación climática anómala que, coa colaboración maligna do ser humano, pode xerar graves consecuencias.

E volvendo máis para atrás, xa en marzo de dous mil doce, dedicábamos un artigo á situación máis que atípica que derivaba dun inverno no que apenas chovera quince días, continuación dun outono escaso en precipitacións e con temperaturas tamén elevadas. E precisamente nese mes –marzo- sufrírase un incendio considerable nas fragas do Eume. É dicir, que non sempre chove cando ten que facelo, nin vai calor cando debería, ou ao revés, tanto ten. O clima non é unha ciencia exacta nin inmóbil, senón que varía. Pero é evidente que existe unha tendencia duns anos para acó, nos cales constatamos fenómenos que se saen do normal con maior frecuencia da habitual. E xa non é teoría popular, que tamén, son os propios expertos que se supón saben do que falan quen así o certifican. E para exemplo temos o outono presente, onde despois dunhas choivas finalizando o verán, iniciouse un mes de outubro no que o termómetro parecía querer volver a agosto, polo que a roupa de abrigo tiña que seguir gardada no armario. Acabadas esas semanas de calor, chegou a auga, pero en cantidades máis que xeitosas e prolongadas en exceso. Para coñecer os efectos, unha simple vista a agras e prados, onde os problemas para sementeira e o pasto do gando agrandouse por mor de tanta auga. Por suposto, non podemos esquecer a importante caída na produción de setas e, sobre todo, castañas, onde se fala que pouco máis da metade das que se apañan son aptas para o consumo; ben é certo que outros de catro patas dan boa conta delas e así se comprobará nas sucesivas semanas. En fin, que non podemos ir á praia bañarnos en outubro aquí no País. E se imos, algo raro pasa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15473914146423