Cada vez máis preto de que a Noite Meiga sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego

SarriaXa
A Asociación Cultural Meigas e Trasgos expresou a súa satisfacción polo traballo realizado, destacando que, a pesar das dificultades, o proceso se completou "con moita ilusión"
documentación-Noite-Meiga-Sarria-Meigas-e-Trasgos
13 Feb 2025

A Asociación Cultural Meigas e Trasgos vén de presentar á Xunta de Galicia toda a documentación necesaria para que a súa tradicional actividade Noite Meiga poida ser considerada Festa de Interese Turístico Galego.

A entidade expresou a súa satisfacción polo traballo realizado, destacando que, a pesar das dificultades, o proceso se completou "con moita ilusión". Agora, afirman, "toca esperar", xa que a resposta das autoridades pode levar uns cinco meses.

No pasado mes de abril, a asociación levou ao pleno do Concello de Sarria a solicitude para que a Noite Meiga recibise a declaración de Festa de Interese Turístico Galego. A proposta foi aprobada por unanimidade, cun apoio rotundo da corporación municipal, que valorou de forma positiva a importancia da festividade.

A Noite Meiga, que forma parte fundamental do sentimento de “Sarrianeidade”, é descrita polos membros da Asociación como unha festividade que ningún sarrián ou sarriá pode esquecer ao falar da súa vila. Aínda máis, a festa é un motivo de orgullo para os habitantes de Sarria, que a consideran a súa celebración máis auténtica. Durante anos, a Noite Meiga foi desfrutada por miles de visitantes e, cada ano, a súa popularidade crece, atraendo a un número cada vez maior de persoas. Isto, segundo a asociación, é froito da boa fama que a celebración conseguiu a través dos anos.

A participación na festa é masiva, con habitantes de Sarria, visitantes, peregrinos e tamén o comercio e a hostalería implicados. Desde a andaina dos fachos ata os preparativos para o evento, todos se suman ao festexo, o que repercute de forma positiva na economía local. Comercio e hostalería, ademais, patrocinan a festa, recoñecendo o impacto que a afluencia de visitantes ten na dinamización da zona.

A Asociación Cultural Meigas e Trasgos, organizadora do evento durante os últimos 53 anos, considera que a Noite Meiga cumpre os requisitos necesarios para ser declarada Festa de Interese Turístico Galego, destacando a súa antigüidade, singularidade e arraigamento nas tradicións populares. A festa, aseguran, non só promove a cultura local, senón que tamén representa un importante atractivo turístico para a comarca.

0.13193297386169