Pablo Gallego, de Maderas Guillar: “A comarca de Sarria ten un gran potencial neste sector”

Cando xorde este negocio?
Iniciamos a idea no ano 2023, aínda que xa tiñamos traxectoria no sector dende hai máis de 10 anos, principalmente José, que conta con moita experiencia no mundo forestal.
Con que motivación o poñen en marcha?
Normalmente, a xente que ten pequenas parcelas forestais ou con especies que non sexan piñeiro ou eucalipto ten moita dificultade para conseguir compradores para esa madeira, xa que os profesionais do sector adoitan centrarse nesas especies e en grandes lotes para mellorar a rendibilidade, debido ao gran movemento de maquinaria que implican. Nós vimos unha oportunidade en solucionar esa necesidade, aínda que reducindo as nosas marxes, xa que cremos que esa madeira e esas parcelas teñen potencial.
Cales son os obxectivos do negocio?
Os obxectivos son prestar un servizo de compra e tala de madeira a todo tipo de propietarios, principalmente na zona de Sarria, Láncara, O Incio, Samos, etc., aínda que traballamos en toda a provincia. Gustaríanos que toda aquela xente que non conseguiu vender a súa madeira porque non resulta rendible para outros compradores pense en nós para facelo.
En que consiste o seu traballo?
O noso traballo comeza coa visita ás leiras, onde estimamos a cantidade que se pode extraer en función da calidade e dos permisos, xa que moitas delas, ao ser especies autóctonas ou estar afectadas pola Rede Natura, precisan permisos especiais de corta. Xestionamos os permisos, negociamos un prezo coa propiedade e, cando xuntamos algúns propietarios na zona, procedemos á corta e aboamos o prezo ao vendedor. Somos moi transparentes, gústanos que o propietario, se pode, estea presente e enviamos todos os xustificantes para que quede tranquilo.
Teñen clientes fieis?
Levamos pouco tempo con esta empresa e, ademais, normalmente a xente adoita vender todo o que ten dunha vez, xa que as especies tardan en medrar. Pero si que adoitan repetir porque quedan satisfeitos. Actualmente podemos ter preto duns 80 clientes.
Cal é o mellor tipo de madeira?
Cada unha delas ten as súas particularidades e os seus usos. O piñeiro e o eucalipto son os que teñen unha saída máis rápida no mercado, pero requiren moita negociación tanto co cliente como cos compradores. O carballo e o castiñeiro teñen un mercado máis pequeno e obrígannos a vendelos fóra de España na maioría dos casos. Adoitan destinarse a mobles ou estruturas cando son de boa calidade e se coidaron as plantacións ao longo do tempo; se non, utilízanse para leña. A madeira de chopo tamén ten certa aceptación para estruturas, aínda que as parcelas adoitan ser pequenas. O resto de especies, como a cerdeira, agora mesmo non teñen aceptación no mercado, polo que practicamente non teñen valor.
Cal é o seguinte paso despois de mercar a madeira?
Nós adquirímola e vendémola a distintos provedores en función da especie, da calidade e da cantidade. O eucalipto utilízase fundamentalmente na industria papeleira; o piñeiro en estruturas, encofrados, embalaxe, etc.; e o carballo, o castiñeiro e o chopo para estruturas ou mobles. No caso destas últimas especies, cando non compren certos requisitos de tamaño e forma, lamentablemente úsanse para leña.
Como está o sector na actualidade?
Como en todos os sectores, a falta de man de obra é palpable. Aínda que os salarios que se manexan non son baixos, requírese experiencia e é un traballo duro, polo que resulta complicado atopar xente. Con todo, nós temos sorte e traballamos con profesionais moi bos, polo que, polo de agora, non temos ese problema, aínda que ás veces resulta complicado atender a todo e contratar.
Pensan que se pode facer máis por este ámbito?
Cremos que desde as administracións deberían mirar máis polo sector forestal e “pisar” o monte. Moitos propietarios ven con resignación como, debido á cantidade de trabas burocráticas á hora de cortar, a xente non planta especies autóctonas. Non só é cuestión de esperar unha xeración para obter un rendemento, senón que, cando se quere obter, a administración non axuda moito. O feito de que haxa tantas zonas dentro da Rede Natura impide unha explotación forestal coherente, o que fai que moitas fincas se abandonen ao non poder ser explotadas.
Como ven o futuro deste negocio?
A madeira estrutural cada vez ten máis importancia. Antes era a base de calquera construción e está volvendo debido ás múltiples vantaxes que ten. A provincia de Lugo, e especialmente a comarca de Sarria, ten un gran potencial neste sector. Nós cremos que ten moito futuro e que debe seguir sendo unha das bases industriais da provincia, algo que cómpre aproveitar.