Pablo Goyanos, de Sarria Bikers: “Queremos impulsar o mundo do motor dunha forma lúdica”

SarriaXa
Pablo Goyanos, vogal de Sarria Bikers, explica que desde a asociación “Queremos impulsar o mundo do motor dunha forma lúdica”
Sarria Bikers
7 May 2023

Falamos con Pablo Goyanos, vogal da directiva de Sarria Bikers, un colectivo que loita polo mundo que lles apaixona, o mundo da moto.

Cando nace Sarria Bikers?

Como asociación confórmase en outubro do 2022, pero é un proxecto que levamos entre os seis compañeiros, os cales formamos a directiva, dándolle moitas voltas durante bastante tempo, e máis despois de visitar concentracións e outros motoclubs e ver o ambiente de fraternidade dos mesmos.

Con que obxectivo nace?

Crear un punto no mapa que nos distinga. Sabemos que é moi complicado, que vai ter moito traballo pola nosa parte para poder conseguilo, pero temos moita ilusión e ganas por construír e acadar dito punto de referencia.

Como xorde Sarria Bikers?

Penso que como toda asociación, por un común, neste caso o mundo do motor, que en maior ou menor medida, a todos nos gusta, pero o que máis nos chama é todo o que a motos se refire. A maiores, contar co apoio de amigos e familia que comparten os mesmos gustos, fixo posible esta aventura na que nos embarcamos.

De cantas persoas está composto?

Hai que ter en conta que somos un motoclub moi novo, poñémoslle moitas ganas e tempo desinteresadamente, pero ten moi boa acollida entre os veciños tanto de Sarria como de arredores, polo que estamos pasando as 40 persoas que conforman o motoclub e seguimos medrando cada día.

Era necesaria unha asociación deste tipo?

Cremos que o mundo do motor en calquera ámbito está nun punto complicado, pero nós queremos impulsalo de unha maneira lúdica, ensinar a outras xeracións que a moto a parte de ser un medio de transporte é algo máis.

Por que en Sarria?

É a vila que nos viu crecer, e parécenos o máis axeitado dar a coñecer a todo asistente de onde somos, as súas xentes e costumes.

Van celebrar a primeira concentración de motos o vindeiro fin de semana, en que vai consistir? 

Dende rutas turísticas e gastronómicas ata shows de acrobacias, pasando por actividades e concertos en directo nos cales tamén participan grupos da vila.

Non podemos revelar os puntos polos que vai discernir a ruta, só dicir que foi deseñado para descubrir lugares escondidos da nosa xeografía mais próxima.

Cantas persoas credes que van participar?

Calquera numero pechado é un erro, posto que depende de moitos factores, o máis importante para o bo termino é o tempo, pero temos estimado unhas 500 persoas, que logo non son números reais, posto que sempre se xunta xente da vila e de concellos dos arredores para ver e participar nas actividades, shows e concertos, aínda que non teñan moto pero que lles guste o bo ambiente.

Contan con apoios institucionais?

Sen ese apoio non podería ser posible a realización do evento, posto que tanto a localización e instalacións onde se vai a facer son do Concello de Sarria. Este interesouse polo noso proxecto colaborando economicamente, así como tamén contamos coa colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, os cales non puxeron impedimentos a hora de mostrarlle en que consistía a 1ª concentración de Sarria Bikers.

Como está sendo a acollida da xente desta iniciativa?

Mellor do que podíamos imaxinar, estamos sendo inundados de mensaxes en redes e de persoas que nos paran a preguntar polos pormenores da concentración para poder asistir e colaborar cos preparativos, posto que unha concentración leva moito traballo de organización, e damos gracias a toda a xente que nos axuda desinteresadamente para que saia todo a pedir de boca.

Que máis proxectos de futuro teñen ademais da concentración? 

Estamos pensando rutas para coñecer concellos veciños con “rutómetro”, onde vai ser clave a orientación e poder ensinar algo distinto, pero coa mesma finalidade: pasar un bo rato en compañía de amigos enriba da moto.

Algo que queiran engadir?

Queremos comunicar a todos os lectores que as inscricións están abertas para a nosa primeira concentración, que será o 12,13 e 14 de maio. Temos toda a información do evento nas nosas redes sociais, pódennos atopar co nome SARRIA_BIKERS, e contamos convosco para poder desfrutalo, non volo podedes perder.

Sarria Bikers
Sarria Bikers (6)
0.1490318775177