Pablo Rivera acusa ao PP e ao SERGAS de mentir sobre o regreso do servizo de pediatría a Láncara

O alcalde de Láncara en funcións, Pablo Rivera, denunciou o que cualifica de “mentira flagrante” da portavoz do Partido Popular no municipio e do SERGAS, aos que acusa de enganar á veciñanza ao prometer que o servizo de pediatría no centro de saúde da Pobra de San Xiao se restablecería o 21 de xullo. Segundo confirmou, esa data non se cumprirá e non haberá atención pediátrica, como mínimo, ata o vindeiro 8 de agosto.
“O PP e o SERGAS mentiron sen rubor. Dixeron que o 21 volvería o pediatra, pero é falso. Os nosos fillos precisan un especialista, non solucións improvisadas nin parches”, asegurou Rivera, que acusou á administración sanitaria de actuar con “temeridade e irresponsabilidade”, ao tempo que advertiu que “xogan coa saúde dos nenos e nenas de Láncara e desprezan ao rural”.
O rexedor en funcións fixo tamén un chamamento a non aceptar máis “mentiras, propaganda nin promesas baleiras”, e reiterou a esixencia dunha praza de pediatra en condicións, sen substitucións que non garantan continuidade nin calidade asistencial. “O rural non é de segunda. Non calaremos ante este trato discriminatorio”, afirmou.
Rivera lamentou, ademais, o comportamento da portavoz do PP durante a reunión convocada coas familias afectadas, na que, segundo denunciou, “antepuxo os intereses do seu partido aos da veciñanza”. Asegurou que “chegou con intención de defender ao SERGAS e ao PP, pero fixo diante da nosa xente, e alí quedou en evidencia. Aquela non era unha reunión política, senón para defender o benestar dos nosos fillos e fillas”.
Tamén criticou que a representante da oposición non mostrara interese ata que se fixo pública a convocatoria do encontro. “Non se pode acudir a unha reunión para reventala. Estes espazos son para escoitar, propoñer solucións e sumar. Non para facer oposición partidista cun problema que nos afecta a todos. Hoxe quedou demostrado que mentiu”, subliñou.
O Concello de Láncara manterá a súa mobilización conxuntamente coas familias afectadas. Continuará a recollida de sinaturas e levarase ao Pleno unha proposta formal para reclamar a cobertura inmediata da praza de pediatría, así como a incorporación dun ou dunha enfermeira pediátrica.
“Non imos parar. As persoas de Láncara merecen respecto, verdade e unha sanidade pública digna. Xa está ben de enganos, desprezo e improvisacións”, concluíu Pablo Rivera.