Pablo Rivera confía en consolidar a maioría absoluta en Láncara
“Pablo Rivera é un valor seguro e un referente para Láncara e para toda a comarca de Sarria polo seu fondo coñecemento da realidade e das oportunidades desta terra, pola súa gran capacidade de traballo e ampla experiencia de xestión, e polo seu compromiso cos seus veciños e veciñas, que demostra cada día”. Así valora o Alcalde lancarés e candidato á reelección, Darío Piñeiro, a continuidade de Rivera como número dous da súa lista para as próximas eleccións municipais do 28 de maio.
O rexedor amósase convencido de que Rivera “axudará moito a continuar co ciclo de progreso e de desenvolvemento que iniciamos no 2015, como merecen os veciños de Láncara”.
Pola súa parte, o tenente de alcalde de Láncara e Deputado provincial confía en consolidar a maioría absoluta dos socialistas na vindeira cita electoral. “Saímos a xogar co mellor plantel para gobernar Láncara”, subliñou, ratificando o seu “compromiso firme con Láncara”. “É a miña casa, o meu fogar, débollo todo. Por iso, me comprometo a seguir traballando como ata o de agora para mellorar a calidade de vida dos meus veciños”.
O Deputado subliña que Láncara está cheo de oportunidades: “Quero seguir traballando man a man con Darío, como sempre fixen, axudando en todo o que estaba ó meu alcance, para que calquera persoa que queira deseñar aquí o seu proxecto de vida atope no Concello e neste Goberno un aliado”.
“Foi un mandato moi duro, pero aínda así logramos un investimento por parte doutras administracións que supera os 4 millóns de euros, especialmente da Deputación de Lugo. Aínda quedan moitas cousas por facer, pero ninguén pode negar o avance histórico en infraestruturas e servizos que impulsamos”, asegura.
“Ampla experiencia de xestión”
Rivera está preparado para “afrontar con ilusión os novos retos que se presentan por diante”. “A experiencia destes anos na Deputación ao fronte de áreas como promoción económica, benestar social, fondos europeos ou deportes, penso que lle aportan tanto ó alcalde como ós veciños un “plus” de tranquilidade, porque cada día é máis difícil xestionar os recursos dos que dispoñemos os concellos pequenos e toda axuda é pouca. De non ser pola Deputación, teríamos dificultades para resolver os principais problemas ós que se tivo que enfrontar Láncara durante este mandato”.
Ademais, o Deputado socialista destaca as cualidades de Piñeiro: “É moi doado traballar con el porque o alcalde ten unha especial habilidade para facer equipos solventes e de garantías. Sempre destacan pola súa solidez, pero sobre todo por traballar en positivo con rigor e humildade”. “Tamén é unha persoa tranquila, paciente e con moita visión”, recalcou.
“Diálogo e colaboración co resto de institucións”
Así mesmo, asegurou que contar co respaldo dun partido político “que goberna na actualidade en institucións importantes para os concellos, como son a Deputación de Lugo ou o Goberno do España, é fundamental para forxar alianzas que permitan sacar adiante proxectos de futuro no noso concello, tanto a nivel de infraestruturas, emprego, servizos sociais ou de iniciativas económicas”.
Neste sentido, incidiu na necesidade “dunha colaboración permanente coas demais administracións para acadar os servizos que necesitan os veciños, axudas económicas para novos proxectos e complicidade cos concellos limítrofes”. “A día de hoxe, grazas a todo o equipo de goberno, pero sobre todo ó incansable traballo do alcalde para chamar á porta doutras administracións, Láncara pasou do esquecemento a converterse nun dos municipios de referencia na comarca”.
“Man tendida ás demais forzas políticas”
O tenente de alcalde quixo agradecer o compromiso de todos o concelleiros do Partido Popular que non repetirán no próximo mandato: “sempre é un privilexio compartir Salón de Plenos con xente que defende os intereses do Concello por riba dos partidistas ou dos seus propios”, e engade: “tendemos a man á nova candidata do PP, que ten as portas abertas de par en par en aqueles asuntos que sexan de relevancia para Láncara”. “Só agardo que non faga bó o dito de otro vendrá que bueno te hará”.
En relación co candidato do BNG, destaca a súa boa predisposición, pero reclama unha maior implicación: “valoro moito as boas palabras e aínda máis nos tempos que corren, pero boto de menos que non fixera algo real por Láncara”. “Ó final o sorriso está ben, pero diso non se vive”. “Os veciños e veciñas queren solucións”. “Resulta difícil de entender que non apoiara proxectos vitais para o concello, porque quero crer que no fondo buscamos o mesmo”.