Pais helicópteros

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
12 Jan 2024

Por Julio Díaz

Estos pais tratan de asumir unha responsabilidade excesiva nas experiencias, nos éxitos e nos fracasos dos seus fillos. Son pais “comprometidos” coa crianza dos seus fillos e moi a miúdo excédense no que eles entenden como un cariño inmenso e desinteresado. Ocorre moitas veces que este cariño ten efectos negativos no desenrolo adecuado da personalidade dos seus fillos. Estes pais coñecidos como “pais helicóptero” preocúpanse en exceso pola súa seguridade e polo seu benestar creando unha “burbulla” protectora sobre eles.

Se ben a intención é boa, esta forma de educar adoita levar a unha grande dependencia e inseguridades nos seus fillos. Os pais helicópteros acostuman ser figuras sobreprotectoras que “sobrevoan” constantemente sobre os seus fillos/as para ter un control absoluto sobre as súas vidas.

A sobreprotección enténdese como o exceso do coidado por parte dos pais sobre os seus fillos/as, é unha implicación emocional intensa e constante que leva a unha necesidade imperiosa de control do seu fillo o filla. Ponse como pretexto as boas intencións de velar pola súa seguridade. Mais, non se pode ter os rapaces illados nunha burbulla, de maneira que pase a ser o centro de todas as atencións, ocultándolle todos os perigos, isto so fai que non se deixe evolucionar, entorpecendo o seu desenrolo. En moitas ocasións, os pais fomentan conductas inaceptables e non deixan que realicen determinadas tarefas porque prefiren facelas eles, intentando evitar riscos innecesarios. Pensan que o mellor e facerlles a vida máis fácil e por iso procuran anticiparse a calquera necesidade ou perigo que os rapaces poidan ter.

O que conleva esta sobreprotección é que a maioría das veces xéralles dificultades para cumprir as normas e límites impostos, potencia a desadaptación familiar, prexudica a súa adaptación social e o seu desenrolo psicolóxico; estas conductas sobreprotectoras evitan que o neno experimente situacións incómodas, sendo os seus pais os que resolven os problemas sin darlle oportunidade aos/ás nenos/as de defensa por sí mesmos, impedindo que exploren e experimenten, evitando así unha magnífica oportunidade de aprender, permitindo que fagan o que queiran a pesar da existencia de normas e regras.

Levar á práctica este supercontrol non deixa que os rapaces evolucionen emocionalmente, afectándolles na súa madurez e impedíndolles convertirse en persoas críticas, independentes e autónomas, producindo neles sentimentos de inseguridade.

É imprescindible recordar que educar fillos independentes e seguros non significa abandonalos ou deixalos desprotexidos. O que se trata é de atopar un equlilibrio entre axudalo e permitirlle desenvolver habilidades para enfrontar os desafíos da vida por sí mesmos.

Os pais debemos estar presentes como guías e proporcionar as ferramentas necesarias para que os nosos fillos adquiran seguridade, confianza e autonomía. Esa é a nosa función.

0.10490012168884