Panleucopenia

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Apuntamentos Veterinarios. As últimas novidades dos estudos realizados sobre esta materia, tanto en mascotas como animais de granxa.
breixo
14 Dec 2021

Por Breixo González

Fai uns dias, ( a mediados de Novembro)  vemos que xurdiu un brote dunha enfermidade coñecida como Panleucopenia Felina na comarca do Salnés en Ponevedra. Pois ben imos falar sobre ela:

A panleucopenia felina está provocada por un parvovirus moi resistente na contorna. É un virus distinto do parvovirus canino (que causa diarreas en cachorros). Os gatos novos sen vacinar son os máis propensos a infectarse. O virus multiplícase no tubo dixestivo e na medula ósea, o que explica os síntomas. É un virus moi contaxioso que se excreta coas feces e calquera líquido corporal. É moi resistente na contorna, onde pode sobrevivir ata un ano. A infección pode orixinarse por contacto directo coas feces dun gato infectado, ou be, por contaxio indirecto a partir dun obxecto contaminado como a cama do animal, os cuncos de comida ou mesmo un coidador dun gato infectado. A infección prodúcese cando se inxire o virus.

Provoca síntomas dixestivos (vómitos e diarrea, que a miúdo é sanguinolenta), febre e rexeitamento da comida; o animal aparece ademais extremadamente tranquilo e quieto e prostrado. Como resultado destes síntomas os gatos poden sufrir dun xeito rápido deshidratación e anemia. A miúdo o número de glóbulos brancos redúcese moito. Os gatiños sen vacinar son especialmente vulnerables, e neles a enfermidade pode ser mortal con gran rapidez. Se unha gata inféctase durante a xestación, o virus pode provocar danos no sistema nervioso central (hipoplasia do cerebelo, que se caracteriza por animais con problemas de mobilidade) dos gatiños. Se os gatiños sobreviven ata o final da xestación, presentan ao nacer importantes problemas de equilibrio.

Os síntomas de diarrea hemorráxica e/ou vómitos fan sospeitar rapidamente que se trata dunha panleucopenia felina. Pódese confirmar o diagnóstico mediante unha análise fecal, que permitirá detectar a presenza do virus nas feces, ou ben mediante a análise comparativa de dúas mostras de sangue extraídas cunhas semanas de diferenza, cuxo resultado permitirá saber se o animal estivo exposto ao virus.

O tratamento está dirixido a tentar controlar os síntomas. Ten que ser agresivo e empezar canto antes. Adoita ser necesario hospitalizar aos animais. Empréganse antibióticos para controlar posibles infeccións secundarias. Adminístranse líquidos para tratar a deshidratación, e pódese facer unha transfusión de sangue ou outros hemoderivados para tratar a anemia e o número reducido de glóbulos brancos. Tamén se poden dar fármacos para deter os vómitos. Os animais infectados téñense que illar dos outros gatos. Ademais, débense aplicar réximes hixiénicos estritos con desinfectantes eficaces, para evitar a contaminación da contorna e a roupa e as mans das persoas en contacto cos animais enfermos.

A vacinación é moi eficaz para previr a infección e a enfermidade. Os gatiños téñense que vacinar cando teñen poucas semanas.

0.14182710647583