Papoulas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
5 Feb 2024

Por Rebeca Maseda

Que ten a arte impresionista que tanto me fascina? Os cadros de Monet, a música  de Debussy... Cores, sonoridades exóticas, orientalismo. É como estar nun estado de  embriaguez constante.

O Impresionismo é un movemento pictórico que xurdiu en Francia nas últimas  décadas do século XIX. Rexeitaba o academicismo e o romanticismo da pintura da época  e propoñía unha nova mirada sobre a arte, máis próxima á realidade contemporánea. Esta corrente recibiu o seu nome polo crítico Louis Leroy, quen ao comentar a primeira  mostra do grupo, en 1874, mencionou que o que vía non eran cadros, senón impresións  (bosquexos).

O Impresionismo bebe de fontes diversas. En primeiro lugar, o movemento realista  xurdido en Francia a mediados do século XIX. Os artistas do realismo pretendían reflectir  a realidade contemporánea, sobre todo a das clases traballadoras urbanas e rurais.

En  segundo lugar, a pintura ao aire libre xa fora postulada polos artistas da “Escola de  Barbizón”, un grupo simpatizante do realismo que se instalou nas proximidades do  bosque de Fontainebleau. Estes artistas, que se dedicaron case exclusivamente á pintura  de paisaxes naturais, tomaban os seus bosquexos ao aire libre. En terceiro lugar, o tratamento da cor de pintores anteriores como Eugène Delacroix, William Turner, Diego  Velázquez ou Francisco de Goya. E por último, as teorías sobre os efectos da cor de  Eugène Chevreul e Charles Blanc, os cales estudaron os fenómenos relacionados coa luz  e a cor, a influencia das cores entre si e as relacións entre primarias, secundarias e as súas complementarias.

Poderiamos dicir que as principais características do impresionismo son as  seguintes:

Os impresionistas sostiñan que debían deixarse de lado os principios académicos  como os grandes temas históricos, mitolóxicos e relixiosos; o estudo exhaustivo do  debuxo como base da pintura e a construción artificial de escenas. Pola contra,  propoñían captar escenas da vida moderna tal e como eran rexistradas polo ollo do  artista. Deste xeito pintaron escenas familiares, paisaxes, actividades da vida cotiá, estampas campestres etc., cun estilo rápido e cores brillantes.

A diferenza dos artistas anteriores, que realizaban numerosos bosquexos e estudos  antes de comezar a pintar cada obra no taller, os artistas impresionistas pintaban ao aire  libre. Xeralmente comezaban e finalizaban o cadro fronte ao modelo que os inspiraba.

Para obter o efecto de vibración de cor que teñen os obxectos baixo a luz do sol,  aplicaban sobre a tea pinceladas rápidas, curtas e curvas de cores puras. Desta maneira,  a cor final do representado fórmase na retina do observador.

Empregaron novos esquemas compositivos, máis próximos aos da fotografía, a cal  comezaba a popularizarse nesa época.

Foron rexeitados polas institucións que lexitimaban a actividade artística da época, a Academia e a súa instancia de exhibición, o Salón. Polo tanto, en 1873 crearon a

Sociedade Anónima de pintores, escultores e gravadores, coa cal realizaron 8 exposicións  entre 1874 e 1884.

Recibiron a influencia dalgúns principios dos artistas do realismo, pero trataron de  avanzar cara unha forma máis naturalista de representar os elementos da natureza.  Notaron que a luz do sol, filtrada polas diversas condicións atmosféricas ao longo do día e das estacións, provocaba efectos visuais cambiantes sobre os obxectos e tentaron  captar ese fenómeno. Para logralo, empregaron só as cores do espectro solar,  eliminando da paleta o branco, o negro e as cores terrosas.

Falar de Impresionismo é falar de Claude Monet (1840-1926), un dos membros  fundadores. Foi o único do grupo que continuou coas investigacións impresionistas ata  o final da súa vida. Explorou os efectos da luz e a cor sobre os obxectos en numerosas  series de cadros sobre a mesma temática pero en diferentes momentos.

Na foto, un cadro coas súas amadas papoulas. A dicir verdade, podería perderme  para sempre nese mar vermello de fantasía.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15378403663635