Paradela acolle a I Festa do Polbo organizada pola Asociación de Veciños de Vilaragunte

A Asociación de Veciños de Vilaragunte, en Paradela, prepara a primeira edición da Festa do Polbo, que terá lugar o próximo 2 de abril no polígono industrial do Gandarón. A iniciativa busca dinamizar a zona e ofrecer aos veciños unha xornada de gastronomía e música.
A festa dará comezo ás 13.00 horas cunha sesión vermú a cargo de Oural Manda Carallo xunto co Dúo Puma, que animarán o inicio da xornada. Ás 14.30 horas celebrarase a polbada, que ofrecerá un menú completo con empanada, guiso, polbo á prancha, polbo á feira, larpeira de Paradela e viño da Ribeira Sacra. O prezo será de 35 euros para adultos e 15 euros para nenos de 4 a 10 anos, e o último día para reservar será o 30 de marzo.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, continuarase a música co Dúo Puma. Ás 22.00 horas servirase a tradicional sopa de allo con ovos, viño e filloas, completando así a proposta gastronómica da xornada. O remate será ás 23.00 horas coa actuación de Los Satélites e o DJ Cendoy, pechando unha xornada que combina música, tradición e diversión para todas as idades.