O Concello de Paradela acolle a II Carreira Popular este sábado
Este sábado, 28 de outubro, terá lugar a II Carreira Popular de Paradela no marco do IX Circuíto Miño Ulloa de Carreiras Populares, unha iniciativa Turístico-Deportiva consistente nun circuíto de carreiras con criterios de homoxeneidade co obxectivo de fidelizar un mesmo tipo de público e de estimular sobre todo a participación, á parte da propia competición.
A de Paradela será a segunda que se organiza, e acolle tres tipoloxías diferentes de actividades; unha andaina de 3 quilómetros que comezará ás 15.50 horas, unha carreira absoluta de 8 quilómetros que comezará ás 16.00 horas e unha de menores de 100 metros a un quilómetro, que comezará ás 17.30 horas.
Todas as persoas participantes recibirán un agasallo e haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría, incluído unha medalla conmemorativa para os menores e un premio para o primeiro corredor local.