Paradela acolle a presentación do libro póstumo de Santiago Rodríguez López

SarriaXa
A obra, dedicada á figura de Manuel Rodríguez López, será presentada este venres na Casa do Concello coa presenza de autoridades e familiares do autor
libro-o-reiseñor-randulfe
6 Nov 2025

O salón de sesións da Casa do Concello de Paradela acollerá mañá, venres, ás cinco e media da tarde, a presentación do libro O Reiseñor poeta de Randulfe, obra póstuma do catedrático e escritor Santiago Rodríguez López, Fillo Adoptivo do municipio. O volume foi editado pola Xunta de Galicia e o Concello de Paradela e reúne textos arredor da figura e dos escritos de Manuel Rodríguez López, pai do autor e Fillo Predilecto da localidade.

No acto intervirán o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar; a nai do autor, Irene López, viúva de Manuel Rodríguez López; e o xornalista Xulio Xiz. Todos os asistentes recibirán un exemplar do libro, que tamén será presentado proximamente na cidade de Lugo.

Santiago Rodríguez López, nado en Barcelona en 1971, foi doutor en Xenética pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático na Universidade de Bristol. Falecido en marzo de 2024 aos 52 anos, deixou inédito este traballo centrado na obra literaria de seu pai.

Ao longo da súa traxectoria destacou polo seu importante labor pedagóxico e científico no ámbito da Xenética, mais tamén pola súa profunda dedicación á investigación, difusión e preservación da memoria literaria de Manuel Rodríguez López, figura clave na ponte cultural entre Galicia e a comunidade galega en Cataluña.

Entre os seus logros máis salientables figura a creación e impulso do Certame Literario Manuel Rodríguez López, organizado polo Concello de Paradela, que este ano celebra a súa trixésimo primeira edición.

A nova publicación conta cun limiar do escritor e poeta Baldomero Iglesias Dobarrio e un colofón do tamén poeta Xavier Rodríguez Barrio, dous amigos persoais de Santiago Rodríguez e da familia Rodríguez López.

⚙ Configurar cookies
0.066366910934448