Paradela acolleu a presentación do libro 'Antes pasábase por aquí' de Sonia Arias López

SarriaXa
A autora amosouse especialmente emocionada pola acollida, recoñecendo que “era unha meta traer aquelas lembranzas e que non perdesen a esencia despois de tanto tempo”
presentacion-sonia-arias-paradela
29 Mar 2026

A escritora de Paradela Sonia Arias López presentou o seu libro Antes pasábase por aquí nun acto celebrado no Centro Sociocultural Manuel Orestes Rodríguez López, acompañada pola alcaldesa, Montse Mulet Sar, e polo tamén escritor José Carlos Ulloa. A cita reuniu a veciñanza arredor dunha proposta literaria profundamente ligada á memoria e á identidade do rural galego.

Durante o encontro, a autora compartiu co público a orixe e o significado dunha obra que nace dunha lembranza persoal, inspirada na frase que o seu pai lle repetía cando camiñaban polo monte: Antes pasábase por aquí. A partir desa expresión, construíu un relato poético que reflexiona sobre o paso do tempo, o abandono do rural e a perda de costumes e identidade.

Arias destacou que “na miña terra é onde máis se intensifica ese ‘antes pasábase por aquí’”, incidindo no carácter emocional da obra e na súa conexión co territorio. Segundo explicou, o libro acadou unha resposta inmediata entre os lectores, que compartiron lembranzas e emocións tras a lectura dos versos: “Todas as mensaxes xiraron arredor das lembranzas e das emocións que sentiron durante esa viaxe no tempo”.

A autora amosouse especialmente emocionada pola acollida, recoñecendo que “era unha meta traer aquelas lembranzas e que non perdesen a esencia despois de tanto tempo”. Nesa liña, subliñou que a obra non naceu coa intención de reivindicar a lingua de maneira directa, senón de poñer o foco nas persoas e no seu vínculo co entorno: “Temos un libro que non se escribiu pensando en salvar un idioma, senón en facer referencia continua á persa, aos lugares e á memoria. Aínda que todo é un conxunto, gústame especificar”.

O acto converteuse así nun espazo de encontro entre literatura e memoria colectiva, no que a autora puxo en valor a importancia de conservar a esencia das vivencias e das historias que definen o rural galego.

0.11458206176758