Paradela celebra as festas na honra á Virxe das Dores e San Miguel cun amplo programa

Paradela prepárase para vivir as súas festas na honra á Virxe das Dores e San Miguel, que se estenderán durante dúas fins de semana, os días 19, 20, 21 e 29 de setembro, cun programa no que se combinan tradición relixiosa, música e deporte.
O venres 19 abrirá a programación a concentración motera “Os Mouchós”, seguida da primeira gran verbena a cargo da orquestra New York e o DJ Casanova. O sábado 20 terá lugar a misa solemne ás 13:30 horas, con procesión e sesión vermú animada polo grupo Punto Clave, que tamén será protagonista da verbena nocturna xunto co DJ David Expósito.
O domingo 21 celebrarase unha nova misa solemne coa participación dunha coral musical, acompañada de procesión e sesión vermú coa orquestra Trébol. A tarde estará marcada polo pasarrúas da Banda de Música de Paradela e polo partido de fútbol no campo do Gandarón entre a S.D. Paradela e a S.D. San Lázaro. Xa pola noite, a mesma banda ofrecerá un concerto no campo da feira, antes da verbena amenizada de novo por Trébol.
As festas rematarán o luns 29 cunha misa solemne ás 13:30 horas, procesión, sesión vermú e unha última verbena coa actuación dunha orquestra, poñendo o broche final a catro días de celebracións que combinan tradición, música e encontro veciñal.