Paradela celebra as súas Festas Patronais con música, tradición e actividades

O Concello de Paradela prepárase para celebrar as tradicionais Festas Patronais en honra á Virxe das Dores e San Miguel os días 20, 21, 22 e 29 de setembro de 2024. O evento, que promete catro días cheos de música, actividades e tradición, contará cunha variada programación.
O programa das festas comezará o venres 20 de setembro coa actuación da Orquestra Olympus e o DJ David Expósito, asegurando unha noite chea de música e diversión.
Xa o sábado, 21 de setembro ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne seguida dunha procesión. Posteriormente, a sesión vermú estará amenizada polo grupo Punto Clave. A partir das 23.30 horas, o grupo volverá animar a noite coa súa música.
Pola súa parte, a xornada do domingo 24 comezará cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Paradela. Ás 13.00 horas terá lugar outra misa solemne, seguida da Sesión Vermú coa Orquestra Escaparate. Ás 18.00 horas celebrarase o encontro de fútbol correspondente á segunda xornada da Segunda Provincial entre S.D. Paradela e S.D. Rubián. Ás 19.00 horas, a Banda de Música de Paradela ofrecerá un concerto, e a partir das 21.30 horas, a festa continuará coa Orquestra Escaparate.
Finalmente, o domingo, 29 de setembro a festa culminará cunha misa solemne ás 13.00 horas, seguida da sesión vermú e unha festa a cargo dunha orquestra, poñendo o broche final ás celebracións.
Durante os días 20, 21 e 22, tamén terá lugar unha concentración de motos a cargo do Motoclub Os Mouchos.
As Festas Patronais de Paradela 2024, organizadas coa colaboración do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia e diversos patrocinadores locais, ofrecen unha ampla variedade de actividades e espectáculos gratuítos que fomentan a participación e o espírito comunitario.
Este esperado evento anual reúne a veciños e visitantes para gozar da cultura, a tradición e a diversión, cunha programación deseñada para todas as idades nun ambiente festivo e acolledor.