Paradela celebra un encontro coa natureza dentro das actividades do bicentenario
Dentro da programación do bicentenario de Paradela, o sábado 16 vaise celebrar o encontro coa natureza Camiñando por Paradela, que o Concello organiza coa colaboración do grupo Acivro.
Acivro é un Club excursionista presidido por Alejandro González Arias, creado en Lugo no 2006, formado por membros que gustan da natureza e camiñando por ela fomentan o respecto pola biodiversidade e disfrutan de ambientes e itinerarios incribles. Un destes itinerarios é o Camiño vello de Aldosende, no Concello de Paradela, promovido polo Concello e do que Acivro é o maior defensor.
Este sábado percorrerase o Camiño Vello de Aldosende, desde o Mirador de Cabodevila, preto do río Loio, ata Aldosende. É un Camiño xa coñecido polos vinculados ao sendeirismo e turismo de montaña, que especialemente nas fins de semana recibe a numerosos camiñantes de todo Galicia. Para o percorrido calcúlase un tempo aproximado de 3h.30min.
Como queira que ese sábado está prevista unha temperatura máxima de 34 grados, os especialistas de Acivro recomendan iniciar esta ruta ás 9,00 dese día, desde o Mirador de Cabodevila, para poder rematar a andaina arredor das 12,30 h. cando aínda non se alcance a máxima temperatura. Á chegada a Aldosende, o Concello de Paradela ofrecerá un refrixerio aos camiñantes.
A efectos de organización da ruta, Acivro recomenda que non se supere a cifra de 60 participantes, así que quen desexe facelo deberá comunicalo antes do mediodia do próximo mércores ao Concello de Paradela (982 541 101) ou ao Colectivo Acivro (626 948 966), pechándose a admisión en canto se chegue a esa cifra.