Paradela celebrou a XXX Festa dos Avós con centos de participantes e unha comida popular

Paradela viviu unha nova edición da súa tradicional Festa dos Avós, que chegou xa á súa trixésima convocatoria reunindo a centos de veciños e veciñas nunha comida popular celebrada no Centro Polifuncional Xesús Mato Mato.
O encontro, organizado polo Concello, converteuse ao longo dos anos nunha cita consolidada que pon en valor o papel das persoas maiores e ofrece unha xornada de convivencia, ocio e lecer.
Na celebración participou tamén o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, quen felicitou ao Concello de Paradela por manter viva esta festa durante tres décadas. Rodríguez lembrou o compromiso da Xunta de Galicia co envellecemento activo e animou ás persoas asistentes a sumarse aos programas impulsados polo Goberno galego, como Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios.
O responsable autonómico destacou ademais que a prioridade do Executivo galego é garantir que as persoas maiores dispoñan da liberdade para decidir como e onde facerse maiores, contando cos servizos necesarios para preservar a súa saúde e benestar.