Paradela contará con máis de 250.000 euros para humanizar a Praza de Pacios

SarriaXa
Paradela contará con máis de 250.000 euros para humanizar a Praza de Pacios despois de asinar un convenio coa Xunta
Melloras Xunta Paradela
17 Mar 2023

O Concello de Paradela acordou coa Xunta destinar máis de 256.000 euros á humanización da praza pública de Pacios, segundo recolle o convenio asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade lucense, José Manuel Mato.

Esta actuación, cun prazo de execución de 4 meses, acometerase ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Caso de Paradela

Neste caso concreto, levarase a cabo unha intervención para mellorar a praza localizada diante da antiga casa do concello, un espazo con escaso equipamento urbano e fortemente delimitado polos peches das propiedades privadas.

Así, a obra consistirá na pavimentación do solo con pedra, na reparación de sumidoiros e a incorporación de alumeado e mobiliario urbano, como bancos de pedra e papeleiras.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira felicitou ao alcalde da localidade pola súa aposta en favor do fermosismo e o benestar da veciñanza.

0.095664978027344