Paradela desfrutará este xoves dunha dobre sesión de cine
Con motivo do bicentenario do municipio, Paradela acollerá este xoves día 17 de novembro unha dobre sesión de cine coa proxección do documental Maiores de Paradela e da película O Camiño.
O próximo xoves, día 17 de novembro ás 16.30 horas na Casa da Cultura Manuel Rodríguez López de Paradela, terá lugar unha sesión cinematográfica enmarcada dentro dos actos do Bicentenario do Concello, que se está a celebrar no decurso do segundo semestre do presente ano.
Nesta sesión vaise volver proxectar o documental Maiores de Paradela, unha produción audiovisual realizada por Begoña Pérez López con motivo do Bicentenario da institución municipal, con intervención dos paradelenses Xesús Mato Mato, Julio Varela Rodríguez, Ermitas López Arias e Francisca Jorge López, que relatan experiencias da súa infancia e mocidade, nun achegamento á vida de Paradela de mediados do pasado século. A nova proxección efectúase para dar oportunidade de vela aos que non puideron asistir o día da súa estrea.
Así mesmo, e continuando co ciclo dedicado ao Camiño de Santiago, vaise proxectar a película O Camiño do ano 2010, que conta a historia de Tom Avery (Martin Sheen), un oftalmólogo de sona que recibe a nova da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Ao preparar o enterro, Tom descobre que o seu fillo estaba realizando o Camiño de Santiago, aínda que non pasou da primeira etapa, e decide completar a ruta que o seu fillo non puido facer.
A entrada á proxección será libre ata completar o aforo.