Paradela destina 352.000 euros ao mantemento da rede de abastecemento

SarriaXa
Este contrato busca que unha empresa asuma o mantemento das estacións de tratamento de auga potable, das redes e depósitos vinculados
concello-paradela
16 Jan 2025

O Concello de Paradela vén de informar que sacou a licitación un contrato por valor de preto de 352.000 euros para garantir o funcionamento, mantemento e conservación da rede de abastecemento de auga, depuración e sumidoiros do municipio.

Este contrato, impulsado polo goberno local liderado por Montserrat Mulet, busca que unha empresa especializada asuma o mantemento en óptimas condicións das estacións de tratamento de auga potable, das redes e depósitos vinculados ao abastecemento, así como dos sumidoiros e da estación depuradora de augas residuais.

Segundo o prego de condicións, o obxectivo é asegurar o bo funcionamento e realizar os traballos necesarios para que a calidade da auga potable e dos efluentes sexa adecuada, garantindo a potabilidade e o cumprimento dos requisitos legais esixidos.

A xunta de goberno local aprobou este contrato nunha sesión celebrada en novembro, cunha duración prevista de dous anos. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o próximo 24 de xaneiro.

Ademais, o Concello de Paradela tamén está en fase de licitación para o Servizo de Axuda no Fogar, cun orzamento base de 753.000 euros. Neste caso, o prazo para presentar ofertas péchase o 12 de febreiro.

0.13549995422363