Paradela e Sarria acollerán a estrea da curtometraxe 'Mudanza' de Sonia Arias

Este sábado, 25 de outubro, Sonia Arias presentará a súa curtametraxe 'Mudanza' que foi rodada durante o mes de agosto en localizacións de Sarria, Paradela e outros municipios da comarca sarriá.
Así, a estrea da curtametraxe terá lugar nos dous concellos: ás 18.00 horas no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez de Paradela e ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Sarria.
O proxecto parte dun texto incluído na obra da paradelense 'Manchas de frío', no que se aborda o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha perspectiva humana e digna.
Sonia Arias expresou que viviu a rodaxe con moita ilusión, agradecendo ao director Luisje Moyano a oportunidade de seguir de cerca o proceso creativo e garantir que as escenas reflectisen a esencia do relato orixinal.
O proxecto tamén busca promocionar a cultura galega e os concellos de Paradela e Sarria, cun equipo maioritariamente galego na produción: Saamira Ganay, actriz principal; Deborah Gila, actriz coprotagonista; Cris Andina, a directora de cámara; Cecilia Estévez, a directora de vestiario; Sara Fernández, a directora de son; e Antón Ochoa, estalonaxe; así como a banda sonora de Jesús Calderón, a distribuidora City Blue Films, de Fernando Pazín; e a produtora Fortune Films Production.