Paradela entregou a última cesta de benvida de 2024 a unha nena de Vilarangunte
O Concello de Paradela celebrou a chegada da oitava nena nacida no municipio durante o pasado ano 2024 cun acto de entrega dunha cesta de benvida.
O lote, composto por produtos de primeira necesidade valorados en 200 euros, foi entregado pola alcaldesa, Montserrat Mulet, á familia da pequena, empadroada na parroquia de Vilarangunte.
Esta iniciativa enmárcase na Ordenanza aprobada en decembro de 2023, que regula a concesión de axudas por nacemento ou adopción.
Ademais do lote de produtos, as familias poden beneficiarse dunha axuda económica directa de 1.000 euros, que se distribúe en dous prazos: o 75% ao formalizar a solicitude e o 25% restante tras acreditar a residencia efectiva dun ano dende o nacemento ou adopción.
O principal obxectivo desta medida é fomentar a natalidade e a adopción, contribuíndo ao mesmo tempo a fixar poboación no termo municipal.
Esta entrega simboliza o compromiso do Concello de Paradela coa dinamización demográfica e o apoio ás familias que deciden formar parte da súa comunidade.