Paradela honra a Xulio Xiz co nomeamento de Fillo Predilecto

O Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela foi o escenario este sábado dun acto cargado de emoción e recoñecemento: o nomeamento de Xulio Xiz como Fillo Predilecto do municipio. O xornalista e escritor recibiu esta distinción pola súa traxectoria de compromiso coa cultura e co desenvolvemento do concello, nunha cerimonia na que se puxo en valor a súa dedicación continua ao longo dos anos.
Xulio Xiz tivo un papel destacado na celebración do bicentenario do Concello de Paradela, colaborando de forma activa na preparación e coordinación dos actos conmemorativos, que fixeron do aniversario unha cita memorable para a veciñanza.
Ademais, a súa implicación no Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López foi constante e decisiva. Formou parte do xurado encargado de escoller as obras premiadas e participou de maneira directa na organización do certame, contribuíndo a consolidalo como un referente da creación literaria en lingua galega.
O acto de nomeamento estivo marcado pola gratitude e polo recoñecemento ao labor dun home que, dende o seu oficio e vocación, contribuíu a proxectar Paradela máis alá das súas fronteiras. A distinción de Fillo Predilecto supón, segundo destacaron dende o propio Concello, “un xusto agradecemento a unha vida de entrega cultural e afectiva á súa terra”.