Paradela impulsará a mellora de tres miradoiros para reforzar o atractivo das vistas ao Miño

SarriaXa
O Concello solicita á Xunta un novo obradoiro de emprego compartido con Láncara e Samos para actuar en Santa Marta, Cabodevila e Adega dos Penedos
miradoiro-paradela
22 Feb 2026

O Concello de Paradela proxecta revitalizar tres dos seus miradoiros máis emblemáticos —Santa Marta, Cabodevila e Adega dos Penedos— co obxectivo de realzar as panorámicas sobre o río Miño e favorecer a chegada de visitantes ao municipio.

As intervencións previstas contemplan a renovación do mobiliario urbano e a adecuación das zonas verdes, actuacións que se executarían a través dun novo obradoiro de emprego. Para facelo posible, o goberno local solicitou á Xunta de Galicia a concesión dun taller compartido cos concellos de Láncara e Samos, baixo a denominación Os Soutos.

Mediante este programa formativo-laboral preténdese intervir no equipamento destes espazos, deteriorado polo paso do tempo e pola exposición ás condicións meteorolóxicas adversas. Ademais da posta a punto de bancos e outros elementos, prevese unha reorganización das áreas axardinadas e a execución doutras melloras complementarias para optimizar a imaxe e funcionalidade dos miradoiros.

O equipo de goberno que lidera José Manuel Mato Mulet tamén ten planificadas outras dúas actuacións que confía en desenvolver a través deste obradoiro. Trátase da adecuación de dúas zonas verdes situadas nas inmediacións do colexio público San Miguel e do centro polifuncional Xesús Mato, co propósito de mellorar estes espazos de uso veciñal.

0.075428009033203