Paradela nomeará Fillo Adoptivo a Julio Modesto Giz Ramil polo seu compromiso cultural co municipio

O vindeiro sábado 31 de maio, ás 12:30 horas, o Concello de Paradela celebrará no Centro Sociocultural Manuel Rodríguez-Orestes López o acto de nomeamento de Julio Modesto Giz Ramil como Fillo Adoptivo de Paradela, en recoñecemento ao seu estreito vínculo co municipio e á súa destacada traxectoria de colaboración cultural durante máis de tres décadas.
Así, explican que Giz Ramil ten participado activamente na vida cultural de Paradela, sendo unha peza clave na organización dos actos do 200 aniversario do Concello. Destaca especialmente o seu compromiso co Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, no que leva anos implicado tanto na súa organización como na selección das obras premiadas, formando parte do xurado.
O Concello quere, con este nomeamento, agradecer a súa “inconmensurable entrega” e contribuír a visibilizar o traballo de persoas que, como Julio Modesto Giz Ramil, axudan a construír comunidade e identidade a través da cultura.